O FIOT reflexiona sobre a construción do futuro

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo presentou a súa programación para a trixésima edición do encontro.
'Othello' de Voadora será un dos espectáculos presentes en Carballo. Foto: Estrella Melero
photo_camera 'Othello' de Voadora será un dos espectáculos presentes en Carballo. (Foto: Estrella Melero)

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) celebra o seu trinta aniversario coa edición de 2021, que decorrerá entre o 24 de setembro e o 29 de outubro, retomando así a súa programación habitual. Para conmemorar as tres décadas, o FIOT recorre a varias das compañías que foron merecentes do Premio do Público: así, Ron Lalá, Yllana, Manolo Alcántara ou Talía Teatro farán parte do programa deste ano, xunto con artistas e compañías especialmente queridas polo público do festival, como Chévere, Voadora ou Touriñán.

Haberá once estreas absolutas e tres estreas na Galiza

Como vén sendo habitual, o certame prestará atención a diversas tendencias escénicas: teatro familiar, propostas de vangarda, novo circo e unha especial atención aos creadores da Galiza. En total, serán 39 os espectáculos que se poderán ver ao longo do mes e medio que dura o FIOT, e estarán acompañados de actividades paralelas e iniciativas de mediación que propiciarán o achegamento de todos os públicos á actividade escénica. 

Haberá once estreas absolutas: O espello que arde, de FIOT e Lidiss; A parábola do angazo, de Talía Teatro; Foot, de Fran Rei; Don Carnal (contos desvergoñados), de Caxoto; Desta sairemos mellores, de Ángela Triana; e as seis pezas finalistas do V Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, que se representarán en seis puntos do municipio carballés os sábados 8, 16 e 23 de outubro.

O festival integra espectáculos que abordan cuestións como a relevancia da cultura para a convivencia, as diferentes violencias sufridas polas mulleres ou as inquietudes sociais da mocidade

Ademais, o FIOT acolle a estrea na Galiza doutros tres espectáculos: Solo un metro de distancia, de Serena Producciones; e a versión tanto presencial coma virtual da última creación da compañía Onírima Mecánica, Ronem Ram (Mar Menor ao revés), unha instalación que pon de manifesto a situación de emerxencia ecolóxica na que se atopa o seu ecosistema. 

A liña de programación xira arredor da idea de como construír o futuro. Os organizadores do FIOT manifestan que “a pandemia puxo de manifesto a fraxilidade física, de sistemas sociais e económicos e do planeta, confrontando co futuro do medio ambiente e, en consecuencia, co dos seres humanos”.

Para dar resposta aos interrogantes que esta época formula, o festival integra espectáculos que abordan cuestións como a relevancia da cultura para a convivencia, as diferentes violencias sufridas polas mulleres ou as inquietudes sociais da mocidade. 

Comentarios