O FIOT de Carballo fai memoria e regresa ás súas orixes na súa 31 edición

O Festival Internacional Outono de Teatro busca as esencias, busca a súa propia memoria e recupera compañías con moita relación co evento. Unha homenaxe a Pedro Brandariz lembrou a participación deste na cita de Carballo.
Actuación a pasada sexta feira en Carballo da Compañía d'es Tro, proxecto persoal de Guillem Vizcaíno, co seu espectáculo 'Poi' (Foto: Vanesa Rábade).
photo_camera Actuación a pasada sexta feira en Carballo da Compañía d'es Tro, proxecto persoal de Guillem Vizcaíno, co seu espectáculo 'Poi' (Foto: Vanesa Rábade).

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) amosa desde hai 31 anos en Carballo o traballo de compañías de referencia con creadoras e creadores con propostas emerxentes. Esta edición, após uns anos marcados pola pandemia, quere recuperar a rúa e faino dándolle protagonismo á narrativa oral, cunha homenaxe ao recentemente falecido actor Pedro Brandariz, incluída. 

Para o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo, esta é “unha edición especial” por volver a ter “un contacto máis directo co público”. En declaracións a Nós Diario, recoñece que o FIOT “é algo máis que un festival, forma parte da vida e da sociedade carballesa” até o punto de que “é o evento máis importante despois das festas do municipio”.

Un festival que busca a propia memoria

O director do festival e presidente da asociación cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, presenta a Nós Diario esta edición como a da “saída da incerteza e da confusión, a de recoñecerse a si mesmo e para o público”. Por este motivo, quixeron agora “facer memoria” a través de encontros con xente que forma parte da “xenética” do propio festival. 

Eis a razón da presenza de Mofa e Befa co seu espectáculo Pirolíticos (hoxe, ás 11 horas) ou os 25 anos do paso de Leo Bassi pola FIOT (16 de outubro, ás 20.30 horas) “que volve agora co seu 70 anos: Leo Bassi. “Tamén Titzina (15 de outubro, ás 20.30 horas) coa que temos unha relación moi poderosa desde hai anos e que traerán a obra Buho”, lembra Sueiro. 

Alén diso, o FIOT deste ano quixo facer fincapé nas distintas voces que hai para entender a realidade. “Procuramos as distintas visións que hai hoxe e que todo mundo escoitara voces novas e creadoras, mesmo algunhas transgresoras e diferentes coas que facer un mapa de todo o que se está facendo”, explica o director do festival. 

Sueiro sinala que o evento "non é só unha programación, é un continente de festivais" e lembra seccións como a Rúa dos Contos, o Fiotiño, o FIOT en ruta, o OTNI ou o FIOTeen. "Era moi importante que despois destes anos en que estes apartados estaban diluídos ou directamente desaparecidos, estiveran outra vez de novo no festival e con moita potencia", apunta.

Brandariz sempre na memoria do FIOT

“Pedro Brandariz, para nós, era unha persoa moi importante que en si mesma resumía o festival”, recoñece Sueiro, “chegou a participar nos concursos de monólogos a principios do 2000 e sempre foi un habitual como actor, animador e tamén como espectador”, engade. 

Lembrando ao actor, o mercado municipal de Carballo acolleu o sábado a Gala Homenaxe a Pedro Brandariz. A cita enmarcouse, precisamente, no ciclo no que Pedro ten participado ao longo de moitos anos co seu humor: a Rúa dos Contos. A gala, que presentaron Isabel Risco e Fran Rei, contou coas actuacións e intervencións de Izquierdo Sisters, Víctor Grande, Javi Sega, Caxoto, As fillas de Portaberta, Pablo Díaz, Se masca la Comedia e Diana Sieira. A recadación desa noite de contos destinouse, precisamente, a un dos proxectos máis queridos por Pedro: Pallasos en Rebeldía.

Comentarios