O festival presenta 39 espectáculos, entre eles, oito estreas absolutas

A 31ª edición do FIOT de Carballo deixa espazo a miradas e voces diversas

Un total de 39 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia e 2 coproducións conforman o cartel do FIOT31, que reafirma a súa aposta polas voces singulares e as e os artistas cunha identidade propia e única.

'Amantis', dirixida por Tamara canos, estará no FIOT 2022.
photo_camera 'Amantis', dirixida por Tamara canos, estará no FIOT 2022.

Trinta e nove espectáculos, oito estreas absolutas e nove na Galiza, dúas coproducións co festival... A 31ª edición do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, promete estar á altura dos recoñecementos de que vén sendo obxecto nos últimos tempos. 

Baixo o lema VocesFIOT, o festival aposta pola visualización da singularidade e da identidade das compañías que conforman a súa programación. Propostas e voces diferentes que conseguen un festival diverso á busca dun amplo abano de públicos. 

O FIOT decorrerá desde o 30 de setembro até o 31 de outubro con propostas para todas as audiencias a través das diferentes liñas de programación que conforman o festival: Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Metro Cadrado, FIOTeen e Fiotiño volverán encher de actividade escénica Carballo. 

A sección de actividades paralelas, nomeada En Paralelo, acollerá dúas exposicións, dúas xornadas profesionais e outras propostas culturais.

Ademais, o FIOT lembrará especialmente a Pedro Brandariz cunha homenaxe no ciclo que tantas veces acolleu o seu humor único: a Rúa dos Contos, pola que pasarán este ano Alberte Montes, Marta Doviro, Óscar Terol, Good Sex Maritxu, Marta Iglesias ou Quico Cadaval estarán en Carballo, ademais das voces emerxentes de Pablo Meixe e Adrián do Regenco. 

A estrea na Galiza de 70 anos: Leo Bassi, servirá de homenaxe tamén ao irreverente e coñecido clown que, precisamente, debutou na Galiza no FIOT. 

Como prato forte da programación de sala está a celebración do trixésimo aniversario de Mofa e Befa, que estreará no festival Pirolíticos e que será obxecto dunha exposición. 

Nas táboas do auditorio de Carballo estará a nova creación de Ainé, en coprodución co CDG, Recortes, caneos e outras formas de driblar, dirixida por Tito Asorey, con Xose A. Touriñán e con texto de Nacho Carretero. O espectáculo Amantis, deRebordelos, dirixido por Tamara Canosa, tamén se poderá ver no festival. 

Outras figuras senlleiras do tteatro estatal pasarán polo FIOT: para estrear na Galiza as súas últimas producións: El Pont Flotant con Eclipse total, Titzina Teatro con Búho, Blanca Portillo e o seu Silencio, creación de Juan Mayorga, ou a última montaxe de Pablo Messiez, La voluntad de creer

Unha das grandes revelacións do teatro arxentino dos últimos tempos, a compañía Sambuseck, presentará Impalpable, unha persoalísima obra de gran sensibilidade. 

Ademais o FIOT presenta dentro do OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), a sección dedicada a novas tendencias, os espectáculos Pequenas mentiras para contar grandes verdades de Patricia de Lorenzo;  Beautiful Stranger, en colaboración con Camiño Escena Norte, de La Caja Flotante; Conferencia espectacular, de David Espinosa; e Freak, da compañía Amor Total. 

O festival manterase no espazo público co Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na Praza do Concello, e co Certame Metro Cadrado, con pezas site-especific do colectivo #chamizobellovila,  Sr. Lili, Ánxela Blanco, Mónica Paradela, Assircópatas e Cacharela Teatro. 

Máis que un festival: un motor das artes escénicas galegas

O FIOT quere ser un motor das artes escénicas galegas máis que unha programación de espectáculos. Nese sentido, mantén o apoio á investigación e ao tecido emerxente coa celebración de residencias (Natalia Fernandes), as xornadas profesionais da asociación Escena Galega ou do Colectivo NOGA, e a descentralización da escena expandíndose aos centros sociais de Verdillo e Ardaña e á residencia de maiores de Carballo.

Comentarios