xoves 04/03/21
'Espazos de Rosalía en Compostela' guíanos polos lugares relacionados coa súa vida

Un paseo literario pola Compostela de Rosalía

Asociamos Rosalía de Castro con Padrón, coa Casa da Matanza, con esa ventá aberta ao mar dos seus últimos momentos. Mais o certo é que foi en Santiago onde viviu a metade da súa vida, nos tempos bos e nos tempos malos. Agora edítase un libro que nos guía polos moitos espazos de Compostela asociados á súa biografía.
A autora, Mercedes Espiño, con Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, na presentación do libro en Compostela.
A autora, Mercedes Espiño, con Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, na presentación do libro en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Espazos de Rosalía en Compostela, editado pola Agrupación Cultural O Galo, co patrocinio do Concello de Santiago, recolle a experiencia da súa autora, Mercedes Espiño, como guía de numerosos roteiros polos lugares da cidade que tiveron relevancia na vida de Rosalía: a rúa onde naceu, os lugares nos que viviu, os espazos importantes na súa biografía e, claro está, o Panteón de Bonaval, onde descansan os seus restos.O

O que comezara proxectándose como un itinerario que seguía os pasos de Rosalía descritos no poema “Santa Escolástica” –unha suxestión de Francisco Rodríguez no seu libro Rosalía de Castro: estranxeira na súa patria– medrou para se converter nun traxecto que resume dun xeito vívido e elocuente o percorrido vital da autora.

“Malia que adoitamos identificar a Rosalía con Padrón, Santiago foi a cidade onde viviu case a metade da súa vida”, explica a autora do libro.

Unha visión de Rosalía como compostelá

“Malia que adoitamos identificar a Rosalía con Padrón, Santiago foi a cidade onde viviu case a metade da súa vida”, explica a autora do libro. “Creo que non é ningún desatino asociar a Rosalía coa cidade: ela nace na praza de Vigo, que daquela pertencía ao concello de Conxo e, aínda que pasou a súa primeira infancia en Padrón, axiña volve a Santiago onde mora desde 1847 a 1856, cando marcha a Madrid. Volve para ter a súa primeira filla. Regresa en 1861 e queda ata 1869, cando vive a revolución de 1868. E, despois de pasar por Simancas e A Coruña, volve de novo –nunha etapa na que xa viven moi precariamente– desde 1875 ata a súa partida definitiva, a Dodro primeiro e, finalmente á Casa da Matanza de Padrón. Son en total vinte e tres anos de estancia compostelá, que deixan tras de si varias casas nas que residiu e das que a xente, en xeral non sabe nada. Por iso considero que a creación dun roteiro rosaliano no concello estaría plenamente xustificado e axudaría a dar a coñecer tanto a cidade como a figura e a biografía da propia Rosalía”.

"O roteiro”, continúa Espiño, “detense en vinte e dous puntos e pode empregarse como unha especie de guía de viaxe coa que ir coñecendo as relacións destes espazos coa vida e a obra de Rosalía. De cada un deles se ofrece unha explicación histórica, un relato da relación que manteñen coa súa biografía e mesmo algúns textos dela ou vinculados con ela e coa época: Murguía, Aureliano Aguirre, Bouza Brey…”.

Mais o libro dá un paso máis alá e ofrece un esbozo da propia historia da cidade. “Durante estes anos guiando roteiros para varias institucións e asociacións, fun descubrindo os cambios que se deran en Compostela ao longo do tempo, ben documentándome, ben porque alguén se achegaba a darme algún dato pouco coñecido ou ignorado, e fun coñecendo máis en profundidade as transformacións sufridas. E moitos destes datos están incorporados ao texto: por exemplo, falo da rede de abastecemento de auga da Idade Media –que recollía a que procedía dos montes de Vite–, ou da desaparición da praciña de Tras o Peso, onde tivo o seu domicilo Rosalía".

Hai outras moitas urbes que se apoian nas creacións de escritoras e escritores para valorizar a súa xeografía: a Praga de Kafka, o Mondoñedo de Cunqueiro, o Courel de Novoneyra ou as populares “placas azuis” de Londres, que serven como evocación de escritores, filósofos, científicos ou artistas de todo tipo

Entre o fetichismo e o respecto pola memoria

Os roteiros literarios teñen unha certa compoñente fetichista, mais tamén reflicten respecto polo pasado, deferencia polos que nos precederon e atención á propia memoria. Moitas cidades construíron parte da súa aura grazas a circuítos literarios que transcenderon os círculos culturais para se converter en insignias da súa cidadanía: talvez o caso paradigmático sexa o do periplo de Leopold Bloom polo Dublín do Ulysses, mais hai outras moitas urbes que se apoian nas creacións de escritoras e escritores para valorizar a súa xeografía: a Praga de Kafka, o Mondoñedo de Cunqueiro, o Courel de Novoneyra ou as populares “placas azuis” de Londres, que serven como evocación de escritores, filósofos, científicos ou artistas de todo tipo.  

“Santiago está un pouco orfa desta clase recoñecementos”, apunta Espiño, “e hai que pensar na enorme cantidade de persoeiros que pasaron polas súas rúas. Eu estudei Filoloxía nun edificio da praza de Mazarelos que no pasado fora un instituto, e creo que tería gozado moito máis do meu paso por alí se daquela alguén me explicase que naquelas aulas estudara Castelao”.

O libro, que conta cun prólogo de Francisco Rodríguez, inclúe tamén unha completa cronoloxía de Rosalía realizada en colaboración con Xose Luís Axeitos, un mapa de Compostela, árbores xeneáloxicas da autora e das súas familias materna e paterna e, finalmente, un apartado sobre a iconografía de Rosalía baseado no estudo realizado por Pepe Barro.

comentarios