martes 24/11/20

Rosalía de Castro en París

A publicación El caballero de las botas azules chegou á prensa da elite en 1868.
Cabeceira do número do xornal en que saíu publicada a recensión. (Foto: Nós Diario)
Cabeceira do número do xornal en que saíu publicada a recensión. (Foto: Nós Diario)

A publicación, en 1867, de El caballero de las botas azules non pasou desapercibida para a prensa do momento. En setembro dese ano, Ventura Ruíz de Aguilera dá conta, en El Museo Universal da aparición deste conto estraño e pide que algún crítico comece a analisar a novela. E o crítico apareceu axiña na pluma de Julio Nombela, que a 7 de novembro de 1867 publica en La Época unha recensón desta obra, texto que repite, en xaneiro de 1868 en El Correo de Ultramar, un xornal editado en París, destinado a un público culto e con vocación de ser órgano de comunicación entre a España, a Franza e as súas respectivas colonias en Latinoamérica. 

Conta o periódico cunha revista literaria ilustrada e ofrece un contido científico de bon nivel, sempre dentro do afán divulgador, conxugando adecuadamente tanto os intereses do equipo editorial como os da elite latinoamericana, consumidora de publicacións oriúndas de Europa.

A prolongada vida da publicación, editada entre 1842 e 1886, resulta excepcional no contexto contemporáneo e supón á vez un lectorado fiel e unhas bases económicas suficientes para soster unha empresa arriscada. 

A liña editorial, máis claramente conservadora ao principio, evoluciona e faise máis moderada xa a mediados de século. O contido, esencialmente informativo en cuestións políticas e comerciais, non descarta temas culturais e os folletíns, as noticias da vida parisiense, dos teatros, os últimos descubrimentos científicos, todos atopan cabida neste xornal que encargara a Nombela reseñas sobre os escritores españois de máis prestixio.

Fiel a esa encomenda, en 22 de xaneiro de 1868 Julio Nombela publica en El Correo de Ultramar unha reseña de El caballero de las botas azules, situando así claramente Rosalía entre eses literatos, literata neste caso, de máis prestixio que procuraban as elites americanas.

Rosalía de Castro perante un público culto

O texto enviado a París non era inédito, era o xa publicado en novembro en La Época mais o feito de o repetir, case sen variacións, en El Correo de Ultramar, coloca Rosalía perante un público culto que ten París como referente cultural e científico, unha Rosalía que xa era “ventajosamente conocida por sus Cantares” e que “ha sorprendido a todos sus admiradores con un cuento estraño, El Caballero de las botas azules”.

Francisco Rodríguez, en Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (AS-PG, 2011), ao tratar sobre esta obra di dela: “Nestes tempos de crise, económica e social, do capitalismo, resulta confortante ler novelas que, como El caballero de las botas azules, se distancian con tanta desenvoltura e ousadía dos seus mitos e valores. Mesmo a utilización do misterio e deixar sen contestación clara algúns interrogantes é un factor de modernidade, conecta a novela coas nosas dúbidas e angustias sobre o futuro”.

Ese factor de modernidade é o mesmo que lle recoñece Julio Nombela cando escrebe sobre El Caballero de las botas azules, “un libro que hoy sería apreciado en mucho; pero no en tanto como lo apreciarán los que lo lean en el siglo XX” porque este texto “será el mejor título de gloria de Rosalía de Castro, no solo a los ojos de los hombres de talento, sino para los de corazón”.

comentarios