luns 08/03/21

A Deputación e a Fundación Uxío Novoneyra unen forzas para rematar a restauración da casa do poeta

A vicepresidenta desta Administración, Maite Ferreiro, confirmou que queren "continuar coa súa labor de promoción e dinamización sociocultural a partir do legado de Novoneyra”.

Un momento da visita á fundación. (Foto: Deputación de Lugo)
Un momento da visita á fundación. (Foto: Deputación de Lugo)

A Fundación Uxío Novoneyra e a Deputación de Lugo anunciaron hoxe a renovación do seu convenio de colaboración en virtude do cal seguirá a obra de rehabilitación da casa do poeta na localidade de Parada do Courel.

A vicepresidenta desta administración, Maite Ferreiro, comentou que a intención da área de Cultura é dar un “novo pulo” ás obras co obxectivo final de “continuar coa súa labor de promoción e dinamización sociocultural a partir do legado de Novoneyra”.

De feito, queren fornecer un novo atractivo ás visitantes do Camiño de Santiago, que poderán gozar do patrimonio literario que deixou o autor.

Para conseguir todo esto, o departamento achegará 35.000 euros á organización, que ten previsto destinar unha parte dos fondos á creación dun novo espazo para acoller residencias artísticas e investigadoras na fragua, un dos departamentos da vivenda familiar do Courel.

“O investimento permitirá avanzar no proxecto de restauración que a Fundación Uxío Novoneyra comezou hai dous anos co apoio da institución provincial e que permitiu habilitar as dúas plantas da vivenda como zonas expositivas e arquivo documental”, concretou Ferreiro após visitar a casa museo, na que coñeceu de man do responsable da entidade, Uxío Novo Rey, os proxectos a desenvolver ao longo de 2021.

De feito, neste exercizo pretenden investir parte da subvención en adaptar as zonas visitábeis do inmoble aos protocolos sanitarios de cara a prevención da Covid-19 e a custear gastos de funcionamento da casa museo e dos espazos naturais da contorna.

“A situación sanitaria require un esforzo maior para atender as persoas que se achegan ata aquí. Se antes faciamos grupos de 20 persoas, agora as visitas son en grupos de cinco”, aclarou Novo.

comentarios