'A formiga no carreiro', unha historia a través de pasatempos xa dispoñíbel nos quiosques

A formiga no carreiro estará dispoñíbel durante todo o mes de agosto por un prezo de 1,40 euros.
Detalle da capa de 'A formiga do carreiro' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalle da capa de 'A formiga do carreiro' (Foto: Nós Diario).

O pasado Día da Patria Galega, Nós Diario agasallaba as lectoras e lectores cun especial sobre soberanía alimentar. Para alén diso, as persoas subscritoras do diario recibiron nos seus fogares unha revista ben especial: A formiga no carreiro.

Trátase dunha revista cunha ampla selección de pasatempos elaborada polos responsábeis da sección de pasatempos do xornal, Xerardo R. Roca e Xoán Costa, tamén presidente de Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario.

Mais non só as persoas subscritoras se poden facer con esta publicación. A formiga no carreiro estará dispoñíbel durante todo o mes de agosto nos quiosques por un prezo de 1,40 euros.

“Un espazo sen cubrir”

Sobre a revista, Xoán Costa indica que “buscamos cubrir un espazo que actualmente está sen cubrir nos quiosques como é ofertar unha revista de pasatempos tano de carácter léxico ou numérico como lóxico e que conte unha historia completa ao longo das súas páxinas”.

“Non se trata de ofrecer unha compilación de diferentes modelos de pasatempos senón que, en torno a unha personaxe como é neste caso a formiga, imos contando unha historia que serve para aprender sobre a Galiza”, acrecenta Costa.

Acerca do simbolismo da formiga, xa que o título da revista coincide co nome dunha canción do histórico Zeca Afonso, Costa salienta que “o formato da publicación segue o da Píllara das dunas no cal se trata non só de resolver pasatempos senón tamén de aprender algo sobre historia ou a contorna da Galiza neste caso seguindo a personaxe da formiga que cantaba Zeca Afonso”.

Sen dúbida unha proposta interesante non só para ‘pasar o tempo’, senón para aprender algo no proceso e tan só por 1,40 euros.

Comentarios