Sermos Galiza S.A. publicará 'A formiga no carreiro', unha revista de pasatempos en galego

O volume, que sairá á luz o 25 de xullo, busca normalizar o uso do galego tamén no tempo de lecer

Xoán Costa, coautor da revista de pasatempos en galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xoán Costa, coautor da revista de pasatempos en galego. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Carballo e a Universidade da Coruña veñen de clausurar a XVI edición do Curso de verán sobre Dinamización Lingüística que acolle o Fórum Carballo, na vila bergantiñá.

As xornadas decorreron durante os días 12 e 13 de xullo e este ano centráronse no fomento do uso da lingua a través do lecer e nas ferramentas para transmitila en diversos ámbitos e utilizala na mellora do seu proceso de normalización.

O curso pretendeu valorizar o galego e a cultura propia como recurso de interese para as actividades de tempo libre, formular unha proposta de boas prácticas lingüísticas no ámbito do lecer e coñecer e valorizar experiencias positivas de uso do galego no ámbito do xogo e a música, entre outras actividades.

Neste aspecto, Xoán Costa, conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., participou como representante de Nós Diario nun dos relatorios do curso para analizar os pasatempos en galego que publica este xornal e para reflexionar sobre a necesidade de que os pasatempos en galego se incorporen ao lecer normal de todos os galegos e galegas.

Costa deu a coñecer a organización da estrutura da sección de pasatempos de Nós Diario, a sección Entreter, como se combinan pasatempos estritamente lingüísticos con outros que son de lóxica ou numéricos, e como tanto uns como o os outros contribúen á normalización lingüística ao teren a lingua como mecánica da súa realización.

Aproveitando a súa participación neste foro, Xoán Costa avanzou a publicación dunha revista de pasatempos editada por Sermos Galiza S.A. e que verá a luz o vindeiro 25 de xullo. As persoas subscritoras deste xornal recibirán de balde no Día da Patria Galega A formiga no carreiro, un volume de 32 páxinas da autoría de Xoán Costa e Xerardo Roca.

Esta revista de pasatempos tamén estará dispoñíbel nos quioscos, desde o 25 de xullo e durante varias semanas. Terá un prezo de 1,40€.

Seguindo un esquema semellante á publicación A píllara das dunas, editada polo Concello de Carballo e que tamén realiza Xoán Costa, A formiga no carreiro concibe igualmente os pasatempos contando unha historia a través de diferentes actividades non só lingüísticas, senón tamén numéricas e de lóxica, todas elas en galego.

Resolver pasatempos en galego con ‘Nós Diario’ ten premio

Co mes de xullo chega aos quiosques o caderno Máis. Festivais, festas populares, patrimonio, paisaxes, relatos e pasatempos. Desde este primeiro de mes até o 2 de setembro, cada día o xornal Nós Diario incluirá entre as súas páxinas este suplemento con contidos enfocados ao lecer.

Non deixes de reparar nas propostas de Xoán Costa e Xerardo R. Roca nas páxinas 6 e 7 do caderno. Os pasatempos chegan cun formato diferente e con probas de nova creación para adestrar o cerebro e mergullarnos no mundo da lóxica.

Veñen mesmo con premio! Só tes que resolver con acerto o "Xente de aquí e de acolá" e participar no sorteo dunha fin de semana nunha casa de turismo rural para dúas persoas. É moi doado: só tes que facerte co Nós Diario e reparar no enredo que che propón Xoán Costa na páxina 7 do Máis. Telo?

Comentarios