'Sermos Galiza' afonda nas orixes do cinema galego

Neste novo número do semanario analizamos tamén a dimensión do Proxecto Runas do Festival de Ortigueira e entrevistamos Germán Labrador.
Detalles do 'Sermos Galiza'.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza'.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez o protagonista é o cinema galego, cuxas orixes podemos situar arredor da figura de José Gil, considerado o precursor da sétima arte no país. Montse González asina unha reportaxe na que afonda na súa historia partindo da obra Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil, publicada polo profesor e investigador Manolo González, outro dos grandes impulsores do cinema na Galiza, e editada por Galaxia.

José Gil consideraba que a mobilidade era fundamental para o futuro do cinema, motivo polo cal se desprazaba no seu elegante Ford negro para filmar. Ademais de inventar o automotor cine, que nun cuarto de hora transformaba un automóbil en proxector cinematográfico, creou o Cinemóbil Reclame, un camión adaptado para levar o cinema polas vilas e cidades galegas. Manolo González impulsou, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e de Vía Láctea Films, unha nova versión deste cinemóbil, unha réplica do camión cine de 1929 que está a levar por 30 concellos unha exposición sobre José Gil.

Proxecto Runas

A segunda reportaxe desde Sermos, da autoría de Antón Escuredo, fala do Proxecto Runas do Festival de Ortigueira, cuxa 24ª edición abriu hai escasos días. Tres formacións terán a posibilidade de gañar o premio e así repetir concerto en 2024 xunto a grupos consagrados que actúen ese ano. Sermos Galiza quixo lembrar como xurdiu esta singular proposta que deu a coñecer numerosos grupos da Galiza, como foi o caso de Quempallou, que despois tiveron unha extensa carreira musical.

A iniciativa naceu, nun principio, de maneira humilde coa idea de brindar un escenario aos grupos de música que se achegaban polo festival e foi evolucionando co tempo até conquistar o escenario principal do acontecemento. Malia que non participou do seu inicio, o actual director do evento, Alberto Balboa, coñece a súa historia e lembra que a primeira edición do Runas foi no ano 2000 "e con Antón Reixa como responsábel da organización artística do festival".

Germán Labrador

A entrevista deste novo número do semanario corre a conta de Martín Cordero, que conversa co director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía, o vigués Germán Labrador, após a súa participación na Semana Galega da Filosofía, sobre como o pasado vive no presente de moitos modos, xa sexa como memorias, corpos ou mesmo imaxes.

"Cada época constrúe as representacións de si mesma, dos seus desexos, temores, inquedanzas... coas ferramentas que lle son propias. Na época moderna apareceron ferramentas novas; algunhas xa existían, pero outras colleron novos pulos, como a literatura por exemplo, ou os xornais. Desta forma, ao tempo que se constrúen os Estados-nación, estas ferramentas van dotando as
sociedades de imaxinarios que son fundamentais para formar as súas identidades. Porén, acontece que moitas veces, cando construímos os imaxinarios, facémolo a posteriori e sen atender a complexidade dos procesos culturais", sinala Labrador nesta extensa entrevista.

Literatura, música, cinema... E máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Susana Sanches Arins analizan na sección de Libros as últimas novidades do ámbito editorial, a comezar por Escola de mulleres (Galaxia, 2023), de Inma López Silva, e a obra infantil Daniel no peirao (Galaxia, 2023), de Paula Carballeira.

No apartado musical, Belém Tajes analiza o último disco de Ataque Escampe, Cabalgata, publicado este mesmo ano. Pola súa parte, César Morán escribe un artigo titulado 'Música em Luísa Villalta: a música e a palavra'. E o experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Sica, obra coa que debuta na ficción Carla Subirana.

O colectivo Xea trasládanos ao litoral de Muxía no roteiro que protagoniza a sección Andar e Ver, mentres Manuel Xestoso, no apartado de Escena, analiza a obra As ratas e a cidade, de Redrum Teatro. Aliás, o artigo que presenta este novo número do semanario asínao o escritor Lois Diéguez e leva por título 'O repartidor'. E, por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios