O Museo de Pontevedra amplia a súa mostra permanente sobre a Guerra, a represión e o exilio

O Museo de Pontevedra ven de ampliar a súa mostra da obra completa dos álbums de guerra de Castelao con 14 pezas dos artistas galegos, Monteagudo, Feijoo e Campos, que "completan a visión da Guerra Civil, represión e exilio que se viviu nesa época", sinala a conservadora dos fondos do museo, Ángeles Tilve a 'Nós Diario'.
Exposición permanente no Museo de Pontevedra (Foto Cedida)
photo_camera Exposición permanente no Museo de Pontevedra (Foto Cedida)

O Museo de Pontevedra, institución dependente da Deputación pontevedresa, ven de ampliar a súa colección permanente adicada á Guerra Civil, represión e o exilio, formada pola obra completa dos Álbums de Guerra realizados por Castelao.
A través dos traballos doutros artistas galegos como Federico Ribas Monteagudo, Arturo Souto Feijoo e Uxío Souto Campos,  o museo amplía a mostra localizada na sala 5 do segundo andar do edificio Castelao con 14 pezas máis "que completan a visión da Guerra e do exilio que viñamos mostrando coa obra de Castelao, para que a xente non pense que só el reflectiu esta época", expón a conservadora dos fondos xerais do Museo, Ángeles Tilve, en conversa con Nós Diario. 
Estas novas incorporacións, que "levaban desde fai bastante tempo no museo", son de artistas que "tiveron unha relación intensa con Castelao e, máis ou menos, tamén a súa traxectoria se asemella a do persoeiro xa que todos eles viviron a represión da época e tiveron que acabar por marchar ao exilio", explica Tilve. 


O gran impacto da Guerra en Monteagudo


Federico Ribas Monteagudo era un ilustrador de Vigo "con unha grande fama nacional e considerado un artista igual de consagrado que Castelao", sinala a conservadora. A súa obra era "festiva, xa que era famoso polo seus carteis publicitarios e debuxos de mulleres modernas dos anos 20 nas revistas españolas". As pezas expostas no Museo de Pontevedra "consideráronse no seu momento novidosas, xa que non era a temática habitual nel e isto é un reflexo da gran impresión que lle causa a Guerra", conta Tilve. 
Monteagudo pasaba os veráns en Bueu, onde se relacionaba con diversos persoeiros do momento como Maruxa Mallo e onde quedou afincado desde que comeza a Guerra Civil até o mes de outubro, para logo exiliarse a Arxentina.  Neses meses en Bueu el "vive de primeira man a represión e a reflicte nun álbum   fantástico que é moi semellante na súa concepción cós álbums de Castelao, sobre todo o de Galiza mártir". Neste álbum titulado Visións galegas baixo o yugo da falanxe, Monteagudo fai "referencias a algúns dos protagonistas da barbarie como José de la Torre López, quen formou parte da última corporación republicana de Bueu e foi asasinado en 1936", sinala a conservadora. 
Da obra de Monteagudo, Tilve destaca as pezas "Negra sombra" ou "Galiza quedou sen mariñeiros", "na que se pode apreciar de fondo a ría de Pontevedra, perfectamente", resalta. 

Peza exposta en Paris xunto ao Guernica 


Xunto á obra de Monteagudo exponse tamén a obra de Arturo Souto Feijoo e Uxío Souto Campos, quen tiveron que exiliarse en México. 
No caso de Feijoo, "ao igual que Castelao, era un artista moi comprometido politicamente e a súa arte estivo ao servizo do ministerio de propaganda da república". Para esta exposición escolleuse un par de litografías  e unha augada titulada "Bombardeo en Madrid" que, segundo destaca a conservadora, "estivo na Exposición Internacional de París co Guernica de Picasso en 1937". 
Sobre esta peza, Tilve resalta que é a primeira vez que se expón no Museo de Pontevedra porque "cando se fixo a antoloxía a Feijoo no museo, a finaisdos anos 90, só coñeciamos este debuxo a través da reprodución en prensa da Guerra e, posteriormente, conseguimos atopar e mercar a orixinal que é a que se expón nesta mostra ampliada", comenta a conservadora ao xornal.


Esculturas de Campos


Sobre o célebre escultor galego, Uxío Souto Campos, a conservadora sinala que se exporán tres esculturas súas ademais dalgúns debuxos, "xa que consideramos que é un artista fundamental para a arte e o pensamento galeguista no primeiro terzo do século XX que foi asasinado o 14 de agosto de 1936".   
A parte da mostra realizada por Campos inclúe un busto en homenaxe ao pintor Camilo Díaz Baliño, un relevo de bronce titulado "Procesión ao amencer" e a obra "Solidariedade", unha peza onde se reflicte o apoio dun home a outro para erguerse do chan. 
Xunto a estas pezas inclúense dos debuxos de Campos "moi significativos que reproducen o triste destino dos vencidos da Guerra que teñen que cruzar os Pireneos. O propio artista reflicte esa realidade en primeira persoa xa que, ademais, estivo no campo de refuxiados de Saint Cyprien de Perpignan (Francia)", destaca. Este debuxo, "Cruce dos Pireneos", "é unha obra moi expresiva da dor que viviu a xente que tivo que abandonar a súas casas sen esperanzas", salienta Tilve.  

Comentarios