Os microrrelatos saen a concurso da man da RAG e de PuntoGal: así podes participar

O concurso é unha iniciativa xa consolidada que anima a escribir en galego a persoas de todas as idades e contribúe a visibilizar novas voces das nosas letras, segundo o presidente da RAG Víctor Freixanes.

Alcayde, Janeiro, Freixanes e Debelius na presentación, onte.
photo_camera Lois Alcayde, Darío Janeiro, Víctor F. Freixanes e Greta Debelius na presentación, esta cuarta feira. (Foto: RAG)

A Real Academia Galega e a asociación PuntoGal presentaron esta cuarta feira, 24 de xaneiro, na Fundación Luis Seoane da Coruña, a sétima edición do concurso de microrrelatos organizado por ambas as entidades. O concurso premiará nove historias dun máximo de 200 palabras, tres por cada unha das categorías: infantil, xuvenil e persoas adultas.  

O prazo para participar nesta iniciativa permanecerá aberto do 1 ao 29 de febreiro, cadrando coa campaña de promoción de PuntoGal que permitirá rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. Os relatos deberán presentarse a través da web relatos.gal, onde poden consultarse xa as bases e demais detalles da convocatoria.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, e Lois Alcayde, coordinador da revista Luzes, presentaron en rolda de prensa a nova edición, xunto con Greta Debelius, encargada do deseño gráfico do concurso. Desde a súa creación no ano 2018 co propósito de contribuír a reforzar a presenza do galego e da identidade propia na Rede, o concurso premiou medio cento de historias entre as perto de 5.000 presentadas.

“Cada ano non deixa de abraiarnos a capacidade de xente tan diversa, en idades e experiencias, para transmitir tanto con tan poucas palabras. Un feixe de liñas abondan para profundar, dende a ollada de noso, nos grandes temas universais da literatura e a vida, para sorprender, para nos arrincar un sorriso, para provocar desacougo”, salienta o presidente da Real Academia Galega. "Coido que podemos asegurar que esta é xa unha iniciativa consolidada que está a permitir visibilizar novas voces das nosas letras e que anima a moitas outras a aproveitar, desde a infancia, todo o potencial de expresión e enriquecemento persoal que ten a escrita”. 

Na mesma liña, Darío Janeiro refírese á esta iniciativa como un espello no que se reflicten as preocupacións tanto das persoas adultas como dos escritores e escritoras máis novos. “E aínda que é moi clara, non podemos deixar de apreciar a diversidade das experiencias vitais e das inspiracións literarias que se poden ver nos centos de relatos presentados. Agardamos que as achegas deste ano sexan igual de ricas e variadas que en convocatorias pasadas”, abonda o director xeral.

A sétima edición do concurso, de cuxo deseño gráfico se encargou a debuxante e tatuadora Greta Debelius, coincide coa nova campaña de PuntoGal, “unha das máis atractivas do ano”, valora Darío Janeiro. Os rexistradores acollidos á promoción, que ofrece vinte e catro meses de rexistro por un máximo de 15 euros máis IVE, son Dinahosting, Openprovider, Don Dominio e INWX.

Comentarios