A Academia explora o papel dos nomes de lugar e persoas na cultura popular

O Museo de Pontevedra acolle o encontro organizado polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. O programa prestaralle especial atención á presenza dos nomes de lugares e persoas no cancioneiro popular.
Atado de documentos. (Foto: Damián Porto)
photo_camera Atado de documentos. (Foto: Damián Porto)

A relación entre os nomes propios e a cultura popular centra a VIII Xornada de Onomástica Galega, que acollerá este sábado, 21 de outubro, o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O encontro, organizado pola Real Academia Galega co apoio da Deputación de Pontevedra e o propio museo, prestaralle especial atención á presenza da antroponimia e da toponimia no cancioneiro. A xornada será inaugurada ás 10 horas polo presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes. 

A través da cultura popular, a cita profundará na relación da onomástica coa oralidade, explica Luz Méndez, a coordinadora do proxecto. “O eixo central, desta volta, é a expresión popular dos nosos nomes, transmitida durante xeracións e significativa para entender a nosa idiosincrasia tamén en canto á comunicación, á complicidade ou aos sobreentendidos que nos unen como pobo”, detalla. "A xornada quere abrir novas perspectivas de estudo da ciencia onomástica a aspectos pouco analizados entre nós".

Os topónimos, os nomes de persoa e os nomes de santos no cancioneiro centrarán os primeiros relatorios, a cargo de Domingo Blanco, Xosé Miranda Ruíz e Xosé Ramiro Cuba Rodríguez. 

A sesión da mañá continuará cunha achega de Antonio Reigosa sobre a onomástica no conto galego de tradición oral e a ollada á relación entre a onomástica e a antropoloxía na Galiza de Elena Freire Paz. 

Na sesión da tarde a cantora, improvisadora e filóloga Alba María compartirá a súa experiencia co alumnado de secundaria traballando a relación entre os romances e a onomástica. A xornada rematará cunha actuación musical de Tralo-Valo.

Comentarios