Galaxia reedita 'A Cidade dos Césares'

Víctor Freixanes: "Todas as miñas novelas son froito dunha reflexión sobre o país"

Galaxia vén de reeditar A Cidade dos Césares, a novela de Víctor Freixanes que relatou a epopea das familias galegas que foron poboar a Patagonia no século XVIII. Historia, mito e literatura únense para desvelar un capítulo pouco coñecido do pasado e para crear unha das grandes novelas históricas da literatura galega.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. (Foto: Nós Diario)

Falamos dunha épica da xente do común que non ten nada de común: a finais do século XVIII, unhas cincocentas familias galegas, asturianas e da Maragatería foron enviadas nun barco que partiu do porto da Coruña para poboar as terras ao sur da provincia de Bos Aires. Os participantes na 'Expedición das Familias', como é coñecida polos historiadores, crearon varios asentamentos que tiñan como obxectivo último frear os avances dos ingleses, protagonizando calamidades e aventuras dignas das mellores epopeas clásicas. 

Hai trinta anos, Víctor Freixanes decatouse do potencial mítico e literario daquela xesta e escribiu A Cidade dos Césares, unha novela que logrou gañar o Premio de Novela Torrente Ballester -a primeira vez que se outorgaba a un texto en galego-, mais que, sobre todo, creou un monumento literario que, ademais, daba a coñecer as proezas daqueles expedicionarios. A novela vén de ser reeeditada por Galaxia e, malia o tempo transcorrido, mantén a súa vixencia e permanece como unha das pedras angulares da novela galega de segunda metade do século XX. 

"Para min foi unha grata sorpresa ver como despois de trinta anos a novela segue aí: non só aguanta a lectura, senón que medra", comenta o autor en conversa con Nós Diario. E o certo é que, despois das moitas novelas históricas escritas nas últimas décadas, A Cidade dos Césares mantén o pulso e mesmo se eleva como un cumio destacado do xénero. "Non sei se hoxe tería folgos para enfrontar un traballo como este. Xa non só pola concentración que esixe, senón, sobre todo, porque escribir unha novela tamén supón un desgaste físico notábel ", pregúntase.

A épica galega

Freixanes exhibe un certo orgullo ao explicar que o material narrativo responde á realidade histórica -"o noventa e cinco por cento do que se conta está documentado, aínda que non deixe de ser literatura”- e enumera as moitas bibliotecas e arquivos que tivo que consultar para coñecer o detalle daquela expedición e escribir “a primeira crónica novelada da presenza dos galegos naquela parte do mundo”, como escribe na Nota que precede a esta edición revisada. 

“Especialmente a Biblioteca de América da Universidade de Santiago de Compostela é un auténtico tesouro para documentar e estudar esa época”, explica. “Alí atopas crónicas, diarios, cartografías... Estou convencido de que a grande épica do pobo galego é a emigración, hai nela unha materia para a ficción que non nos podemos permitir o luxo de desaproveitar". 

En todo caso, a novela mantén a súa natureza literaria, indo máis alá do xénero e pasando por riba do exhibicionismo da documentación no que caen, en ocasións, as novelas históricas cuxa intención didáctica acaba por anular os valores artísticos. "O que sucede moitas veces é que a documentación é tan potente que os autores corremos o risco de deixarnos arrastrar por ela. É preciso ter claro que unha cousa é o relato histórico e outra a ficción literaria. E, ao mesmo tempo, ser conscientes de que a Historia non é só o documento, senón tamen a capacidade que teñen os creadores dun pobo de recrear a súa propia realidade e de transmitila, de facela presente. Nese sentido, as miñas novelas sempre son froito dunha reflexión sobre o país, sempre son unha metáfora sobre a identidade colectiva da Galiza. Fascíname a recreación literaria do noso país como colectivo, e creo que iso pode verse en toda a miña obra". 

A Cidade dos Césares intégrase, ademais, nunha tradición perfectamente recoñecíbel: está concibida como un diálogo entre dous defuntos, protagonistas da trama, cen anos despois dos sucesos que se relatan na novela. "Hai un chamado realismo máxico galego que responde a ese salto vertixinoso que deu a Galiza dunha sociedade preindustrial á modernidade. Iso permite uns saltos entre ficción e realidade que se ven como naturais e que, obviamente, son unha ferramenta literaria de primeira orde". 

Diálogo co universal

A edición revisada de A Cidade dos Césares mantén o texto na súa integridade. "O único que fixen fixen foi dar un certo respiro para o lector. Na primeira edición todo ía moi seguido e, como é unha novela coral e hai moito protagonista complementario, moitas digresións, moitos relatos dentro do relato, intercalei algúns epígrafes que introducen eses desvíos como se fosen capítulos que lle permiten á persoa lectora coller algo de aire. Pero o texto en si está respectado na súa totalidade". 

E tamén nese terreo sorprende a novela por un uso da lingua que non só non quedou desfasado senón que resulta renovado trinta anos despois, e enriquecido cunha panoplia de americanismos que agranda a verosimilitude do relato. "Eu sempre fun moi lector de Otero Pedrayo, sempre sentín unha grande admiración pola súa obra", declara Freixanes. "E preguntábame se sería capaz de facer o mesmo ca el cando escribiu Fra Vernero, no ano 1924. Parecíame un desafío e unha audacia fóra de serie. E eu pretendía xustamente iso: dialogar coa cultura universal desde a potencia interna da nosa lingua". 

A proxección exterior da cultura

 Freixanes relata na conversa como a historia protagonizada polos galegos é mal coñecida mesmo en Patagones, o único dos asentamentos fundados por aqueles poboadores que aínda sobrevive. "Cando visitei aquela zona para documentarme, incluso o Director do Instituto Arqueolóxico da cidade pensaba que os fundadores eran maragatos". 

"Sempre crin que nos vendemos moi mal", engade, "malia que temos unha capacidade creativa abraiante, non só na literatura, senón en calquera rama da creación. Un dos mellores investimentos da cultura galega sería o estabelecemento de plataformas de proxección exterior que desen a coñecer polo mundo, contextualizándoo, o que se produce aquí".

Comentarios