Máis de 3.000 persoas gozaron dos filmes e propostas da MICE

'Tolyatti Adrift', de Laura Sisteró, gañou na sesión oficial da Mostra
MICE 18 edición

A 18 edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego puxo o ramo a sete días de programación nos que puideron verse 37 filmes de diversas nacionalidades. Na grella, ademais dunha estrea absoluta, Malgrat de Santi Teijelo, o público da MICE puido gozar doutras cinco estreas galegas. Filmes que partillan unha temática común, eixo desta edición: a 'rururbanía'. Un concepto definido en relación a aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización de lugares do rural. 

Ao redor de 3.000 persoas, segundo a organización, participaron nas proxeccións e nas actividades do festival.

Na sección oficial competiron 11 títulos polo Premio MICE ao Mellor Filme a nivel Internacional, 4 deles realizados na Galiza e que competían tamén polo Premio MICE ao Mellor Filme Galego. Galardóns que recaeron, respectivamente, en Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró; e Al otro lado del mar, unha longametraxe documental dirixida polo galego Eloy Domínguez Serén e o cineasta colombiano Samuel Moreno Álvarez. O xurado estivo formado pola cineasta e artista Tânia Dinís; o educador, director e guionista Xoan Escudero e a politóloga, xestora cultural e técnica de igualdade Sabela Losada.

O Premio Agantro á Excelencia Antropolóxica recaeu en Detached, de Vladimir Krivov. O Premio Crea, que outorgaba a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, foi para o filme Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo. E o filme galego Malgrat, de Santi Teijelo, fíxose desta volta co Premio do Público.

Seccións paralelas

Nesta edición volveron tamén as seccións paralelas: Impropias, Lindes e Trazas. Impropias, dedicada ao cinema realizado ou producido por mulleres, estivo comisariada pola cineasta Ainhoa Rodríguez, directora da premiada Destello Bravío, quen incluíu na súa selección outras dúas películas: Cow, da británica Andrea Arnold; e o documental portugués Eldorado XXI, de Salomé Lamas.

O cinema portugués tivo un papel protagonista nesta MICE, co MDOC-Festival Internacional de Documentário de Melgaço como festival convidado e comisario da sección Lindes.

Ente as actividades ao abeiro do MICE estivo a presentación da Asociación Memoria e Cinema, iniciativa para abordar a memoria histórica democrática da Galiza impulsada por un grupo de novas e novos creadores, entre elas, Coral Piñeiro.

Comentarios