Contracultura

Coral Piñeiro: "Queremos crear un ámbito máis distendido no que aprender sobre a nosa historia"

Coral Piñeiro, creadora audiovisual, é a persoa detrás da peza promocional da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), onde tamén presenta a Asociación Memoria e Cinema xunto con dúas das súas obras. Nesta conversa, Piñeiro reivindica a memoria histórica e a súa difusión. "O que ocorre aquí tamén forma parte do contexto do que acontece noutras partes do mundo", salienta.
Coral Piñeiro é unha das impulsoras da Asociación Memoria e Cinema. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Coral Piñeiro é unha das impulsoras da Asociación Memoria e Cinema. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu a Asociación Memoria e Cinema?
Como traballo de fin de grao, Clara Miñán, Laura Piñeiro, Maite Martínez e eu realizamos unha investigación sobre os campos de concentración de Franco, que desembocou no filme Dores. Xunto coa información que puidemos recoller, vimos que podía ser un bo recurso para as aulas. Pensamos na forma de intentar dinamizalo, mais non como algo lucrativo, senón como unha plataforma de xestión e cun obxectivo didáctico.

Queremos crear un ámbito máis distendido no que aprender sobre a nosa historia, non só con charlas e congresos, que evidentemente tamén son necesarios, mais tamén o son os espazos creativos.

Unha vez marcado o que queríamos conseguir coa asociación, pensando no que buscabamos facer e en cal era o noso punto de vista, vimos que tamén podíamos incluír moita máis xente. Nestes momentos, alén de nós as catro, tamén forman parte da asociación Bruno Arias, Fran Rodríguez Casal e Bea Villar, outras compañeiras de clase coas que coincidimos en obxectivos e intereses. 

—Cales son as actividades nas que se vai centrar a asociación?
A creación das obras é algo que queremos facer, mais ao final isto é unha entidade sen ánimo de lucro, polo que queremos centrarnos na difusión. Tamén hai que ter en conta que estamos comezando as nosas carreiras e que todas temos outros traballos fóra da asociación. Gustaríanos poder crear espazos, quizais algún tipo de festival, mostras ou encontros, e tamén fomentar a creación, por exemplo a través de laboratorios nos que tamén poderían entrar persoas das universidades. Isto é importante, pois como acabamos de graduarnos queremos darlle un espazo á xente que está comezando, un lugar onde poder aprender.

Agora estamos traballando moito en institutos: máis que dar unha charla sobre os campos de concentración, falamos cos rapaces sobre como foi para nós descubrir que existiron e todo o silencio que os tapou despois. Intentamos transmitirlles que é importante coñecer o noso pasado para poder interpretar o noso presente, porque para ser críticos é necesario coñecer a nosa historia.

Precisamente unha das cousas que tamén intentamos facerlles entender é que campos de concentración da Galiza e do resto do Estado español foron un precedente do que pasou en Alemaña. E antes diso houbo campos de concentración en Cuba. Ás veces pode parecer que non, mais o que ocorre aquí tamén forma parte do que acontece noutras partes do mundo. O que queremos é contar a nosa historia da forma máis humana posíbel.

—Alén da presentación da asociación e das obras Dores e Na pel da memoria na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), tamén deseñou o cartel e a peza promocional da edición.
Queríamos proxectar Dores como unha forma de explicar como naceu a asociación, porque antes de facer ese traballo non tiñamos tanto interese nin tantos coñecementos sobre a memoria histórica democrática. Evidentemente, tiñamos a nosa opinión sobre o que era xusto, mais non foi até que comezamos cando decidimos cara onde queríamos ir. Na pel da memoria é o resultado diso e o primeiro traballo que fixemos como grupo cando a asociación xa estaba en vías de creación.

Con respecto ao cartel e á peza promocional, foi Ana Estévez, directora da MICE, quen me chamou e me explicou que tiñan moitas ganas de promover o traballo da xente nova, especialmente de mulleres. Estou moi contenta pola liberdade que me deron para interpretar o meu concepto de rururbanía, o foco temático desta edición, que quixen expresar a través dos costumes do rural que quedan en nós dos que quizais non somos tan conscientes.

Comentarios