"Matrias Illadas": Unha homenaxe poética ás ancestras

"Recoller o herdado e mostralo ao mundo dun modo poético". Baixo esta premisa nace "Matrias Illadas", un proxecto artístico multidisciplinar artellado por Neves Seara, artista plástica e performer, xunto a Tamara Andrés, poeta, tradutora e investigadora. Un espazo reivindicativo para a fotografía, a historia e a poesía.
"Matrias Illadas": Unha achega ás ancestras. (Foto: Neves Seara).
photo_camera "Matrias Illadas": Unha achega ás ancestras. (Foto: Neves Seara).

A poeta María Mariño, noiesa de berce, fixo do Courel o seu universo vital e literario. Alí iniciou unha fonda amizade con Uxío Novoneyra e coa súa familia. Nese mesmo espazo de resistencia que agora acolle a súa Casa-Museo, recentemente habilitada pola fundación do poeta, entidade que a custodia, presentarase "Matrias Illadas", proxecto artístico multidisciplinar artellado por Neves Seara, artista plástica e performer, xunto a Tamara Andrés, poeta, tradutora e investigadora. A inauguración da iniciativa, realizada ao abeiro do Fondo Xacobeo da Xunta de Galiza, terá lugar esta sexta feira, 22 de outubro.

Ambas as dúas artistas teñen colaborado xuntas en diversos proxectos nos que performance, fotografía e poesía se amalgaman. "Partillamos inquedanzas e temas moi afíns, tanto a nivel persoal como artístico", conta para Nós Diario a súa impulsora, Neves Seara. 

"Matrias Illadas" nace dunha conversa, "case de forma intuitiva, sen guión fechado, como un xogo". Unha forma de descubrirse "mutuamente". Neste proceso, Tamara Andrés "íame lanzando un verso e eu ía disparando unha fotografía e ao contrario".

Creando man a man, "sen diálogos demasiado sisudos", toda unha acción creativa conxunta que agroma desde a cerna, en feminino. Porque desta volta o punto de encontro son as ancestras, "mais non só as nosas ancestras familiares, as mulleres das nosas familias, que son figuras moi potentes para nós á hora de crear", senón tamén un pouco esas matrias illadas, "esas ancestras illadas que fan parte da nosa cultura". Unha cultura que para Seara e Andrés permanece "oculta, en silencio, porque non é unha cultura regrada: non son aquelas recollidas da tradición oral, expostas en museos e impresas en libros".

O misterio do cotián

En "Matrias Illadas" abordan o facer cotián das mulleres ao longo da historia. "Ten máis que ver con algo antropolóxico, espiritual ou poético, e non tanto dunha cuestión tradicional prototípica", explica a creadora. Deste modo, as propostas fotográficas intentan atopar ese misterio, tamén nos versos de Tamara Andrés.

"Resolvemos personalizándoo en nós mesmas, representando non tanto unha escenografía senón unha das emocións que se perciben desas cousas que herdamos". E fixérono corporeizando en elas mesmas esas matrias illadas, narrando unha historia, poeticamente, "para que calquera persoa se vexa reflectida nestas mulleres tan fortes e tan silenciadas", afirma Seara. 

O libro

Alén da mostra "Matrias Illadas", Neves Seara e Tamara Andrés teñen preparada a publicación dun libro no que se recollen máis fotografías ao carón dos textos da poeta. "A exposición será un caramelo, un regaliño, que abra un pouco as ganas de seguir o proxecto a través do libro que editamos, que ten unha selección algo máis ampla, e onde van tamén os versos que escribiu Tamara Andrés".

"É a nosa maneira de recoller o herdado e mostralo ao mundo dun modo poético". Unha forma de defender "o cotián, a nosa identidade, a escrita, a fala, a cultura, e todas estas cousas que intrinsecamente forman parte da nosa esencia".

Poemas e fotografías en homenaxe ás ancestras e á súa herdanza

As imaxes que se exporán na na Casa-Museo María Mariño foron tomadas en lugares de Galiza relacionados coas ancestras das creadoras, as "Matrias", e foron concibidas como homenaxe a elas e á súa herdanza.

"Normalmente traballo sobre figuras femininas da miña familia ou sobre mulleres que me inspiran a nivel histórico, social… Desenvolvo máis instalación e estas son fotografías, momentos performáticos, un pouco distintas ao que fixen até agora", expón Neves Seara.

Aquí traballa con rituais máis máxicos, desde as meigas, as ruínas, a natureza escura, "con temas máis misteriosos… a través do que é a luz representada nunha candea, transitando na auga, o ritual de limpeza das mulleres, a recollida do loureiro… até a muller vinculada coa terra, coa elaboración do pan, coa posta do pano…" 

Comentarios