María do Cebreiro protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

O semanario de Nós Diario afonda na situación do sector da castaña na Galiza e na traxectoria do veterinario catalán Juan Rof Codina.
'Sermos Galiza' deste sábado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera 'Sermos Galiza' deste sábado. (Foto: Nós Diario)

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza. Desta volta, a poeta e ensaísta María do Cebreiro conversa con Montse González sobre Maternidades virtuosas (Galaxia), co que gañou o premio Ramón Piñeiro.

"Foi unha escrita moi determinada pola crianza. Escribía en anacos pequenos pero había moito dentro que abrollou. Tiña o tempo que tiña e sabía que era ou nese momento ou nunca. Así que foi como un estoupido", sinala nesta conversa que se publica o sábado.

Razas autóctonas galegas

O semanario abre cunha reportaxe do xornalista Antón Escuredo con motivo do ano Rof Codina, impulsado pola Real Academia Galega da Ciencia (RAGC). A institución decidiu homenaxear desta maneira a figura do veterinario catalán que fixo da Galiza o seu fogar e loitou por mellorar a sanidade e a produtividade do sector gandeiro galego.

Na súa reportaxe, Antón Escuredo salienta que Juan Rof Codina, como “divulgador entusiasta, foi un firme defensor das razas autóctonas que el mesmo traballou a partir da mellora xenética. O seu legado continúa vivo a través dunha fundación e un hospital que levan o seu nome”.

Castañas, un futuro incerto?

A segunda reportaxe deste Sermos asínaa a xornalista Mar Álvarez, que analiza como decorreu a campaña de castañas deste ano, como lle afectou a seca que sufriu o país durante os meses de verán e cales son as opcións de futuro para un sector cun presente inzado de problemas, mais  cun porvir prometedor.

Do magosto máis tradicional até as alternativas máis innovadoras para consumir as castañas, a autora da reportaxe conversa con representantes do sector para coñecer de primeira man cales son as súas expectativas a curto e medio prazo.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Belém Tajes, que trae as últimas novidades, a comezar por O mundo está derrotado, de Familia Caamagno, mentres César Morán asina o artigo titulado O tio Guilhermo, sobre as linhas musicais da família mindoniense.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles Queixo de cabra e té con sal, de Byambasuren Davaa, mentres Manuel Xestoso tráenos na sección de Escena o artigo O fútbol é así.

Noutra orde, Tensi Xesteira analiza na sección de Libros a obra Alternativas ao poder corporativo, de Gonzalo Fernández Ortiz de Zárate (13 Editora), así como outras novidades literarias, mentres Susana Sanches Aríns fala de Pardalita, de Joana Estrela (Planeta Tangerina). Aliás, o colectivo Xea lévanos a facer un percorrido pola praia de Vilarrube.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por tres euros!

Comentarios