Marcelo Expósito mostra 40 anos de arte e intervención na Fundación Luís Seoane

Textos, filmes, instalacións, diagramas... mostran na Fundación Luís Seoane, até o vindeiro 9 de outubro, 40 anos do traballo de Marcelo Expósito, nos que se propón a construción dunha nova esfera pública que indague na memoria da resistencia para facer da experiencia artística un xesto de emancipación.
Unha das salas da exposición 'Nova Bailonia', de Marcelo Exoósito, na Fundación Luís Seoane.
photo_camera Unha das salas da exposición 'Nova Bailonia', de Marcelo Expósito, na Fundación Luís Seoane. (Foto: Nós Diario)

A Fundación Luís Seoane vén de inaugurar Nova Babilonia, unha retrospectiva do artista Marcelo Expósito (Puertollano, 1966) que mostra corenta anos da traxectoria de quen se define, ademais, como " docente, crítico cultural, activista e político". Nese cruzamento de prácticas, a súa obra tenta ampliar o concepto da arte para disputarlle ao museo, á Institución Arte, o monopolio do sentido, da interpretación da Historia da Arte. 

“Si, xustamente o subtítulo da exposición, Designar ou non un traballo como arte é unha decisión táctica, alude a iso, a un dos debates cruciais, se non o máis importante, da arte na modernidade, que é como entender o estatuto de autonomía da arte", explica o autor en conversa con Nós Diario. "Que a arte sexa un campo autónomo, segundo a visión dominante, significaría que opera nunha esfera diferente á da política ou da economía. Pero esa idea da autonomía é ambivalente. Por unha parte, é unha vantaxe xa que a arte non se vería constrinxida pola súa conxuntura histórica; pero por outra, transfórmase nunha gaiola, porque no momento en que quere desbordar eses límites e falar dos problemas do presente é inmediatamente condenada. Daquela, non verse 'contaminada' polos problemas sociais acaba sendo unha imposición que dificulta esoutra función que se lle apoñen á arte e á cultura de ser instrumentos de formación da cidadanía. Esa contradición está na cerna de toda a arte da modernidade. Se interpretamos a autonomía da arte como a liberdade de decidir como nos relacionamos coa institución, temos unha reapropiación do concepto de 'autonomía' moito máis interesante". 

“A arte radical debe estar onde non se quere que estea, e debe moverse dos lugares onde se quere situar", di Expósito

O lugar da arte 

As contradicións danse tamén na propia práctica artística. Se a arte radical, tal e como a entendemos agora, xorde nas décadas de 1960 e 1970 posicionándose claramente en contra do museo e da institución artística, agora Nova Babilonia percorre o camiño inverso, presentando obras e proxectos que non estaban pensados para o museo pero que transforman o seu formato para ser exhibidas "en institucións como a propia Fundación.

O perigo da fagocitación das institucións podería verse como unha ameaza, mais Expósito insiste nunha idea: “A arte radical debe estar onde non se quere que estea, e debe moverse dos lugares onde se quere situar. Xa aceptar que existe un dentro e un fóra do museo é estar en mans da xeografía dominante. E o primeiro problema de aceptar que, estando dentro, a institución vai fagocitar o teu traballo supón darlle a razón, no sentido de que aceptas que, se estás contaminado pola política, o teu lugar é fóra do museo. O museo non só constrúe relatos sobre a Historia da Arte, senón tamén sobre o que somos como sociedade. E se o relato museográfico non incorpora as prácticas que se lle opoñen, significa que está emitindo relatos falseados. Se o museo elabora unha historia da arte en América Latina na década de 1980 e non atende ás formas expresivas dos movementos polos dereitos humanos e de denuncia das ditaduras, a historia que se constrúe está sendo, como pouco, simplificada. Entón hai que disputar posicións alí onde non se nos quere para evitar ese falseamento”. 

Marcelo Expósito, que formou parte do movemento de insubmisión antimilitarista, da organización de protestas antiglobalización e das redes europeas contra a precarización, e que participou activamente da política até o punto de ser elixido deputado no Congreso dos Deputados por En Comú Podem, fai o paralelismo coa esfera política: “O problema de estar fóra ou dentro do museo é da mesma índole que o de decidir se estás fóra ou dentro das institucións de representación política: sucede que xa fomos aprendendo cales son os problemas consubstanciais á democracia liberal, mais tamén que estamos nun momento en que esa democracia está sendo baleirada de contido polo neoliberalismo e ocupada polos novos autoritarismos. Daquela, se deixamos nas súas mans esas institucións, estamos aceptando esa ocupación dos novos fascismos. Temos que ocupar as institucións defendendo o seu papel sen deixar de ser críticos con elas”. 

Estética e política

A exposición da Fundación deixa clara a vontade de unir a práctica dos movementos sociais coa historia da arte, para subliñar ese compromiso que ten que ter a creación coa sociedade. “Algunhas destas obras parten da seguinte pregunta: por que é común utilizar ferramentas que veñen da socioloxía, do xornalismo e mesmo da psicanálise para interpretar o funcionamento dos movementos sociais e non ferramentas que proceden da teoría estética? Dándose ademais a circunstancia -polo menos desde o zapatismo- de que os movementos sociais contra o neoliberalismo teñen como distintivo ser fortemente expresivos: a súa expresividade non é só unha canle para expresar contidos, senón que é inmediatamente comunicativa. Penso nesas figuras silueteadas que sinalizaban a ausencia dos desaparecidos na Arxentina ou no pasamontañas dos zapatistas. Esas formas son máis facilmente interpretábeis desde a práctica das artes de vangarda que desde a politoloxía. E iso é o que intentan os meus traballos".

A arte como figuración do porvir

"Algúns dos traballos máis antigos da exposición poden sorprender pola súa capacidade de vaticinar o futuro, como, por exemplo, os que teñen a ver coa memoria histórica. "Os proxectos non quedan conxelados, o tempo vai colocándoos noutro lugar", explica Expósito. "En 1991 aínda sorprendía a proposta que fixen de exhumar os restos de Franco, e fíxate onde estamos agora. A arte ten algo de capacidade prefigurativa dos sentidos comúns por vir. Polo menos, está atento a algúns síntomas que quizais non se recoñecen de maneira colectiva. E dunha forma máis humilde, hai que dicir que se a exposición mostra corenta anos do meu traballo, tamén exhibe, sobre todo, corenta anos da historia da sociedade, os que separan o inicio da hexemonía do neoliberalismo e o comezo da súa crise".

Comentarios