O Consello da Cultura Galega debate sobre arte e transformación sustentábel

Iniciativas galegas e internacionais formaron parte da xornada organizada polo Consello da Cultura Galega a terza feira, para profundar en distintos proxectos que vencellan a arte coa transformación social desde a perspectiva da sustentabilidade.

Manuel Quintana Martelo, Rosario Álvarez e Paula Cabaleiro. (Foto: CCG)
photo_camera Manuel Quintana Martelo, Rosario Álvarez e Paula Cabaleiro. (Foto: CCG)

A arte como transformación social. Este foi o pivote principal das conversas participativas Da emerxencia(creativa), que desenvolveu esta terza feira, 21 de setembro en Compostela a Sección de Creacións e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG).

“Non hai respostas categóricas do dano irreversíbel sobre o planeta e, aínda que chegamos tarde, si temos que actuar”, proclamou Paula Cabaleiro, coordinadora da xornada, acompañada da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o coordinador da sección, Manuel Quintana Martelo.

Cabaleiro incidiu en que “máis que respostas esta xornada o que pretendeu foi abrir interrogantes”, salientando a importancia de proxectos que demostran que a arte pode ser vital para a transformación económica e social sustentábel.

O evento compúxose de dúas mesas de debate, unha orientada cara a experiencias e prácticas artísticas, e outra a proxectos de xestión que implican unha transformación a distintos niveis.

Na primeira, o artista e docente Fernando Casás definiu catro décadas de vida profesional como “un constante diálogo coa natureza”, poñendo o foco na “ética perante a estética” e procurando que as espectadoras e espectadores desvelen o contido da obra.

A artista Pamen Pereira, detallou o seu traballo coa asociación JAADA (JUA African Arts for Development Association), unha entidade que fundara anos atrás en África para educar “na arte como medio e ferramenta de transformación social”. Ao tempo, Ruth Montiel Arias incidiu no valor do activismo social para dar visibilidade ás comunidades.

Na segunda conversa, Encarna Lago, coordinadora da Rede Museística de Lugo, destacou a inclusión e a igualdade como os alicerces das prácticas sustentábeis e coherentes co territorio que aplican os catro museos provinciais.

Tamén expuxo a súa experiencia a Fundación Cerezales Antonino y Cinia, unha iniciativa privada que impulsou un museo das pequenas cousas en Cerezales del Condado, unha vila de León.

O último modelo que se tratou foi o proxecto de acción cultural 12 MIRADA –RIVERSIDE, na Ribeira Sacra, que realiza obradoiros artísticos participativos de varias disciplinas.

Comentarios