Unha exposición permite avaliar a evolución da súa obra gráfica

O proxecto do Castelao debuxante

A exposición Castelao grafista -na sede de Afundación en Lugo até o 31 de xaneiro- permite contemplar a evolución da obra gráfica de Castelao e, ao tempo, valorar o proxecto artístico e político que se adiviña detrás de toda a obra do rianxeiro e que a converte nun proxecto ético e estético de primeira orde. 
Unha vista da exposición na sede de Afundación en Lugo.
photo_camera Unha vista da exposición na sede de Afundación en Lugo. (Foto: Afundación)

Até o 31 de xaneiro próximo pode visitarse na sede de Afundación en Lugo a exposición Castelao grafista, unha mostra que permite non só poñer o foco na evolución do Castelao debuxante e ilustrador, senón tamén no pensamento e o compromiso que se erixe na columna vertebral de toda a súa actividade: artística, literaria, política. 

A exposición, comisariada por Miguel Fernández-Cid, exhibe, fundamentalmente, debuxos e ilustracións, 89 deles pertencentes a Cousas da Vida e nela pódese confirmar algo que o propio Castelao anunciaba na primeira presentación pública de Sempre en Galiza: naquel acto, negaba que a política fose a súa profesión, mais si a vocación de toda a súa vida. E a seguir, pedíalle aos asistentes que comparen o “sentimento galego” dos seus primeiros debuxos coa “idea galeguista” da obra que estaba a presentar, para se decataren de que eran “a mesma cousa”.

“Castelao pon énfase na busca da identidade, no diálogo entre tradicións e actualidade, non tanto nunha contemporaneidade estética que, non obstante, non elude”, escribe Fernandez-Cid

O propio Fernández-Cid insiste en que Castelao sabe desde o principio da súa carreira que é o que quere: mentres outros artistas buscaban un verniz de modernidade imitando o que se producía nos obradoiros parisienses, el busca un proxecto individual que é tamén colectivo: “Castelao pon énfase na busca da identidade, no diálogo entre tradicións e actualidade, non tanto nunha contemporaneidade estética que, non obstante, non elude”, escribe no catálogo da exposición. Ou, como María Pilar García Negro apunta noutro dos textos, a súa relación coa modernidade supón “a incorporación depurada de todas as tácticas-técnicas de innovación precisas para, xustamente, non converter a tradición en tradicionalismo, para incorporar Galiza á modernidade desde ela mesma”. 

Esa idea-eixo que Castelao vai desenvolvendo ao longo da súa carreira inclúe un proceso de depuración e de síntese que vai definindo a súa obra que coincide con moitos dos postulados do modernismo catalán ao que estaba moi atento e que, ademais, el emprega para transmitir mellor a súa mensaxe. A partir de mediados da década de 1910, vai abandonando a pintura de gran formato en beneficio da ilustración, do debuxo, da caricatura. Probabelmente neste cambio influíse a velocidade dos ritmos que esixe a publicación en prensa, mais tamén o grande éxito acadado polas súas ilustracións en revistas e xornais, que propiciaban a difusión da súa mensaxe entre un público moi amplo. O gran formato só volvería para realizar decorados e escenografía. Até o seu último gran cadro, que se convertería nunha especie de testamento ético e artístico: A derradeira lección do mestre.

O carácter reivindicativo e de denuncia da súa arte queda fóra de toda dúbida, mais o propósito da súa obra plástica tamén visa á creación dunha nova arte galega que parta da tradición mais que incorpore os sinais de modernidade que se anunciaban en Europa.

Unha nova arte galega

“Con este medio cento de dibuxos intentei desacougar a todol-os licenciados da Universidade (amas de cría do caciquismo), a todol-os homes que vivían do favor oficial… As intencións eran nobles e o pesimismo aparente. Certo que a tristura d´estes dibuxos queima com´a raxeira do sol que pasa por unha lupa; mais eu non quixen cantal-a ledicia das nosas festas, nin a fartura dos casamentos, sinón as tremendas angurias do decotío labrego e mariñeiro”, escribe en Arte e Galeguismo. O carácter reivindicativo e de denuncia da súa arte queda fóra de toda dúbida, mais o propósito da súa obra plástica tamén visa á creación dunha nova arte galega que parta da tradición mais que incorpore os sinais de modernidade que se anunciaban en Europa. 

Con este obxectivo, impulsa encontros, exposicións, museos, novas políticas de promoción... e, en palabras de Fernández-Cid “transmite e intenta contaxiar a súa emoción cando e resultados que entran nese proxecto”. Unha crónica de A Nosa Terra de abril de 1919, por exemplo, relata o seu entusiasmo ante unha obra de Asorey que non dubida en designar como “a primeira grande escultura galega”. 

O Diario 1921, froito da súa estancia en Francia, Bélxica e Alemaña como bolseiro  da Xunta para a Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas para estudar técnicas de gravado e coñecer as tendencias artísticas que se sucedían daquela por toda Europa, da fe daquela firmeza no seu propósito. Como escribe Fernández Cid: "a viaxe de Castelao non é de primeiro contacto coa actualidade senón de contraste, de reafirmación de posturas, de ideas (...). Castelao sabe perfectamente que é o que quere pintar".

A eficacia expresiva ao servizo dunha mensaxe emancipadora

Castelao grafista permite contemplar a evolución dun artista que vai depurando a súa liña para transmitir a súa mensaxe da fora máis concisa posíbel. Castelao evita recrearse en detalles ornamentais para centrarse na eficacia expresiva, na denuncia das situacións sociais inxustas que impiden que a Galiza atope a súa identidade, aínda que, como subliña Fernández-Cid, non se limita a sinalar os males, senón tamén "os instigadores e os posíbeis remedios".