O mar volve inspirar o festival das Revenidas

O Festival das Revenidas de Vilaxoán, unha cita esencial do verán musical, é algo máis que un monllo de concertos: é a cultura galega a navegar polo mar de Arousa. 
Unha imaxe do escenario principal do Festival na edición do ano pasado (Foto: Christian Pérez)
photo_camera Unha imaxe do escenario principal do Festival na edición do ano pasado (Foto: Christian Pérez).

A orixe está no mar: as "revenidas" son as sardiñas propias de Vilaxoán que, din os entendidos, teñen un sabor propio. A música tamén está na orixe: "Sómosche de Vilaxóan / da terra das revenidas / onde se canta moi ben / e se bañan as mantidas". Cántase tan ben que a festa local acabou transformada nunha das citas musicais máis importantes do verán galego. E unha das que conta cunha personalidade máis pronunciada, froito desa convivencia co mar que marca o evento desde os seus comezos. 

A festa das Revenidas coincidía co período de salgado da sardiña, mais este ano Vilaxóan (Vilagarcía) terá que esquecer o peixe: por mor das restricións derivadas da pandemia non se poderá celebrar a tradicional sardiñada, e tampouco se poderá habilitar a zona de acampada. Unhas restricións que Xoán Quintáns, da organización do festival, cre "un pouco inxustas, se comparamos a situación coa doutros eventos como a Volta Ciclista que vimos hai pouco aquí ao lado. Todo se complica moito e os números non darían se non fose polas axudas públicas e privadas. Houbo que facer un esforzo titánico, mais o festival saíu adiante. É unha mágoa o da sardiñada porque é un acto social no que conviven moitas xeracións e, en realidade, as revenidas existen case desde que existe o mar". 

Non está documentado que sexa desde que existe o mar, mais a festa das Revenidas ten unha historia moi longa, seguramente asociada á instalación da industria conserveira catalá na zona. Mais o golpe de Estado de 1936 e a posterior ditadura interromperon a tradición até que, no ano 2004, a Asociación Repichoca logrou "resucitala" e convertela nun evento que transcende os límites da Arousa. 

Para compensar a falta de sardiñas, a parte da canción preséntase particularmente potente neste 2021: Tanxugueiras, Laura Lamontaigne, Los Chikos del Maíz, Pauliña, A Banda da Loba, Guadi Galego, Mounqup, Boyanka Kostova ou Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre son só algunhas das figuras que pasarán por algún dos tres escenarios cos que conta esta edición do festival. "Fixemos o cartel pensando en manter a esencia do que debería ser o festival", explica Quintáns, "e tamén tratando de apoiar as persoas que fan música na Galiza, que debido á situación sanitaria, non están pasando polo seu mellor momento en canto a contratación. Revenidas quere estar ao lado da música galega, tanto das bandas emerxentes como Verto, Tanxugueiras ou Mounqup, coma das máis veteranas, como Guadi Galego ou Xabier Díaz". 

Identidade mariñeira

Vilaxoán presume da súa cultura mariñeira, e Revenidas destila paixón polo mar e pola cultura galega: pola música, pola lingua, pola arte... Mais Quintáns advirte da perda de actividade que está a sufrir a vila. "A reconversión industrial, a perda dos mariñeiros no mar de Noruega, o feche de conserveiras... provocaron un decaemento moi acentuado da vida social. No marco actual, estase perdendo moita poboación e moita personalidade". 

A proliferación de eventos gratuítos para mostrar a música galega está moi ben, mais tamén contribúe a desvalorizala

Neste contexto, Revenidas retoma algúns dos sinais de identidade máis destacados da vila -entre os que non é o menor o espírito de combate-, e expande esa personalidade por toda a Galiza. "Nós non queremos xogar na liga dos grandes festivais", matiza Quintáns, "a nosa vocación é facer un festival importante, mais permanecendo fieis ao sitio do que vimos: apostamos na música e na cultura galegas, na sustentabilidade, na igualdade e na lingua. E ás veces resulta difícil: non é habitual atopar un festival dedicado á música galega que sexa de pago porque vivimos na sociedade en que vivimos e ao propio, en moitas ocasións, non lle damos o valor que ten. A proliferación de eventos gratuítos para mostrar a música galega está moi ben, mais tamén contribúe a desvalorizala, a pensar que detrás das bandas non hai toda unha serie de persoas que ten que vivir do seu traballo. E iso acaba creando un círculo vicioso no que todos acabamos perdendo". 

Historias do mar

Revenidas, en realidade, xa comezou onte co roteiro que, guiado por Xurxo Souto, explica algúns dos segredos que o mar oculta neste recuncho da ría de Arousa. "Xa organizamos roteiros así outros anos, porque moita xente non coñece a historia asociada ás industrias do mar de Vilaxoán. A primeira batea da Galiza, por exemplo, situouse aquí. E o feito de que o acompañemos cun showcooking ten a ver non só coa calidade indiscutíbel dos produtos da ría, senón tamén con que o primeiro restaurante galego que obtivo unha estrela Michelín foi o célebre Chocolate".

Esa paixón polo mar estará moi presente nos "Concertos a bordo", que teñen lugar no histórico Chasula, unha embarcación representativa dos barcos de pesca e da construción naval galega, recuperado e adaptado para actividades de turismo activo e coñecemento do medio mariño. A experiencia -como case todas as asociadas ás Revenidas- vai máis alá do musical: os participantes en cada un dos concertos, nunha viaxe polo interior da ría de Arousa, poderán ver de perto como funciona unha batea e participar nunha degustación de produtos gastronómico da ría. "E asistir a un concerto nun escenario máxico", apostila Quintáns. 

Comentarios