‘MAN’, do colectivo ourensán Cadela Negra, gana o III Premio Editorial de FFoco

Cortés e Cid amosan neste traballo a súa fascinación por Man e o seu legado artístico ao tempo que experimentan de primeira man o lugar onde habitou durante corenta anos.
Unha das fotos do proxecto gañador.
photo_camera Unha das fotos do proxecto gañador.

MAN, do colectivo Cadela Negra, formado por Antonio Cortés e Lois Cid, é o novo proxecto gañador do III Premio Editorial de Fotografía Documental Galega, impulsado por FFoco, o Festival de Fotografía da Coruña, co fin de promover a producción de fotolibros na Galiza.

O xurado, que outorgou o premio por unanimidade, composto por representantes das editoriais galegas Alauda Negra, AmordeMadre, Dispara e Fabulatorio, destaca “a orixinalidade da factura visual da proposta; a singularidade no uso dos recursos expresivos e formais do medio; e a súa articulación nun relato coherente e insólito arredor da figura de Manfred Gnädinger, Man, recoñecido personaxe artístico -pintor, escultor e filósofo- que desenvolveu a súa práctica no lugar de Camelle, no concello de Camariñas”.

Cortés e Cid amosan neste traballo a súa fascinación por Man e o seu legado artístico ao tempo que experimentan de primeira man o lugar onde habitou durante corenta anos, até que faleceu apenas un mes e medio despois da catástrofe do Prestige fronte ao litoral galego. Así, os autores ourensáns percorren os sendeiros que Manfred camiñaba todos os días,  imitando o seu modus vivendi, afondando na súa relación co mar e a pedra e cos residuos que rescataba do Atlántico, para crear un novo repertorio simbólico fortemente lírico, que conxuga nocións como paisaxe, memoria, acción e territorio, ao tempo que redefine o imaxinario xerado en torno á figura de Man.

Elevada calidade

Gañar o Premio Editorial impulsado por FFoco para promover a producción de fotolibros desenvolvidos en chave galega supón para Cadela Negra a publicación do seu traballo en formato libro da mano do selo Alauda Negra, que realizará unha tirada de 300 exemplares, ademais da percepción de 600 euros en concepto de autoría.

O xurado do Premio tamén destaca a elevada calidade de todos os proxectos presentados e, moi especialmente, dos outros catro finalistas da convocatoria: Mentres os paxaros asubían e as margaridas morren, de Alan Balzac; Zona de sacrificio, de Catara Rego; Aquí ninguén fala diso, de Maider Jiménez; e Algúns nacen con estrelas, de Loreley Ritta.

Comentarios