Lugo expón o IX Premio Galiza de Fotografía Contemporánea

Lois Cid: arqueoloxía do presente

Cal é o legado que a nosa sociedade lle deixará as xeracións vindeiras? Unha pregunta que serviu como detonador para o proxecto Estruturas de fusión, co que o artista Lois Cid gañou o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. O proxecto exponse agora en Lugo, desde onde iniciará unha itinerancia que percorrerá o país.
Unha imaxe da exposición de Lois Cid 'Estruturas de fusión', no Pazo de San Marcos de Lugo.
photo_camera Unha imaxe da exposición de Lois Cid 'Estruturas de fusión', no Pazo de San Marcos de Lugo. (Foto: Vítor Nieves)

Como se crea e se transforma o territorio que habitamos, de que forma alteramos a paisaxe cando nos instalamos nela, que consecuencias ten esa interacción entre o lugar e quen se asenta nel. A fotografía de Lois Cid (Xunqueira de Espadanedo, 1993) afonda nestes conceptos: lugar, paisaxe, territorio. Inspecciona os espazos en construción do mesmo xeito que un arqueólogo escava nun depósito, analizando os restos xerados polo derrube de edificios antigos, clasificando o entullo, cotexándoo cos novos materiais que se empregarán na nova edificación. 

Estruturas de fusión, a exposición que vén de inaugurarse no Pazo de San Marcos de Lugo, foi o proxecto gañador do Premio Galiza de Fotografía Contemporánea convocado pola Asociación Outono Fotográfico coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A mostra permanecerá patente ató o 31 de xaneiro e, a seguir, percorrerá durante dous anos polas salas de exposicións de Afundación de todo o país, do resto do Estado e por tres cidades de Portugal. 

En Estruturas de fusión, o artista presenta procesos nos que a inestabilidade se apropia do presente, provocando que sexa difícil distinguir entre construción e derrube, propiciando unha reflexión sobre o valor destes "achádegos arqueolóxicos" na sociedade de consumo, sobre os conceptos de centro e periferia ou sobre a xa inevitábel antropización da paisaxe que nos rodea.  O que a sociedade descarta recupérase como síntoma dun comportamento cultural que nos retrata.

"O paso do tempo sempre fai unha peneira do que pervive e o que non de cada xeración, mais o uso de materiais efémeros nas sociedades actuais podería significar que non lles imos deixar nada ás xeracións vindeiras", di Vítor Nieves

O legado que deixamos 

Vítor Nieves, curador da mostra, explica a Nós Diario que "a aplicación de técnicas arqueolóxicas á practica artística responde á pregunta de que é o que lle vai deixar esta sociedade ao futuro. O paso do tempo sempre fai unha peneira do que pervive e o que non de cada xeración, mais o uso de materiais efémeros nas sociedades actuais podería significar que non lles imos deixar nada ás xeracións vindeiras. De feito, a reciclaxe de materiais -por exemplo, o formigón armado tritúrase para elaborar máis formigón- propicia que os procesos de construción e demolición sexan practicamente indistinguíbeis". 

A preocupación polo medio natural é outra das constantes na obra de Cid, que mostra en toda a súa crueza o omnipresente rastro da acción humana en calquera paisaxe.

Non todas as construcións son iguais: existe unha liña política que separa o centro da periferia, o que está pensado para as clases dominantes e o que se deseña para o resto.

"Os novos discursos das artes plásticas fócanse moito nesas paisaxes intervidas polo ser humano, entre outras cousas, porque no mundo globalizado apenas queda xa ningún recuncho que estea libre desa intromisión", di Nieves. "Nese sentido, existe tamén un retrato  moi revelador dunha construción que non sempre é tan sustentábel como declara". 

Aínda que non todas as construcións son iguais: existe unha liña política que separa o centro da periferia, o que está pensado para as clases dominantes e o que se deseña para o resto. A fotografía de Cid, entrelaza esta dialéctica coa que enfronta o local e o universal, engadindo pezas recollidas entre os restos de cerámicas da súa Xunqueira de Ambía natal. "Iso enfronta obxectos moi próximos a nós e á nosa cultura co contexto global, o que dá lugar a resultados moi suxestivos", resume Nieves.

Abrir a arte á sociedade

Ademais da exposición en sala, Lois Cid quere romper coa tradición do "cubo branco" e abrir o proxecto á sociedade, a un público máis amplo que o habitual nos centros de arte, para o cal levou a cabo diversas intervencións en espazos públicos de Lugo, lugares que se atopan actualmente nese estado de construción/derrubamento sobre os que pon o foco a exposición. 

"Esta é unha experiencia que imos repetir ao longo de toda a itinerancia da exposición, en todas as cidades polas que pase" adianta Nieves, "para incidir aínda máis nese confronto entre o local e o universal. Estas intervencións recóllense en vídeo e as gravacións pasan a formar parte da exposición, nunha viaxe de ida e volta que pecha o círculo: a arte que sae da sala de exposicións cara á rúa acaba retornando a ela en forma de vídeo, para comparar esas dúas vidas do proxecto. E tamén para convidar ao público da sala a buscar esas microexposicións espalladas pola cidade". 

Comentarios