Festival de Fotografía da Coruña

FFoco retrata as cicatrices do territorio

O afundimento do Prestige, mais tamén os incendios, a extracción de recursos, a desecación da lagoa de Antela, a industria louseira... FFoco, o Festival de Fotografía da Coruña, reflexiona na súa sexta edición sobre as cicatrices que deixa no territorio a actividade humana e sobre a repercusión que ten sobre o imaxinario colectivo e a identidade.
 
Unha das imaxes do proxecto 'Zona de sacrificio', de Catara Rego.
photo_camera Unha das imaxes do proxecto 'Zona de sacrificio', de Catara Rego.

No ano en que se conmemora o vixésimo aniversario do afundimento do Prestige fronte á costa galega, FFoco, o Festival de Fotografía da Coruña que ten a súa sede principal na Fundación Luís Seoane, dedica a súa sexta edición a este e a outros desastres ambientais que deixan cicatrices no territorio. A partir do 4 de novembro, o festival exhibirá varias mostras cuxas protagonistas son catástrofes máis ou menos mediáticas, máis ou menos recoñecidas como tales, que deixan unha pegada conflitiva na paisaxe e no imaxinario colectivo do país. 

 "O aniversario do desastre do Prestige era algo que marcaba a actualidade nun festival que se dedica, aínda que cunha mirada moi ampla, á fotografía documental", explica Juan Varela, un dos comisarios artísticos do encontro. Sabiamos que o valenciano Julián Barón -que é un dos grandes renovadores da foto contemporánea a través do seu traballo no colectivo BlankPaper- estaba a traballar coa editorial de Sarria Alauda Negra no proxecto O desengano, realizado orixinariamente ao pé dos acontecementos que rodearon a crise do petroleiro e que supuxo unha das primeiras tentativas de definir un discurso sobre a catástrofe desde a fotografía, e non dubidamos en darlle un papel principal no festival". 

A partir de aí, o equipo de FFoco decidiu ampliar o encadre para incluír outros fenómenos que, ben por accidente, ben por unha explotación dos recursos pouco coidadosa, vai deixando pegadas na paisaxe. E así incluíron os traballos da luguesa Catara Rego, que en Zona de sacrificio, aborda o feito de como o aproveitamento da auga, a terra e o vento modifican o territorio, asumido como unha forma de identidade; de Blas González, que en Cadernos da Limia, afonda na fenda que deixou nesta comarca o desecado da lagoa de Antela, coa perda dun patrimonio natural e cultural de enorme valor; de Beatriz García, que en Lousas enfronta un dos grandes problemas dos que poucas veces se fala: a contradición que implica que a industria louseira de Valdeorras sexa, a un tempo, motor económico da zona e símbolo dunha formidábel agresión contra o medio natural, e as discrepancias que isto crea na convivencia da propia veciñanza. 

Finalmente, tamén se exhibirán os traballos da ourensá Rosa Veiga sobre os incendios que, un ano tras outro, asolan o rural galego. "Hai moitos fotoxornalistas na Galiza que están a documentar dunha forma moi interesante o fenómeno dos incendios", apunta Varela, "pero escollemos a Rosa Veiga por ser unha das poucas mulleres que traballan neste campo". 

 

Cicatrices persoais 

O festival tamén se abre á documentación doutras feridas persoais como a da compostelá Laure Mojo, que en Autoconstrución documenta o proceso que levou ao seu pai -con problemas co alcol- a experimentar un cambio drástico, físico e mental. Ou do romanés Marius Scarlat, que en Onde os cans non ladran narra a historia de Gigi, o seu tío, e os seus problemas co alcol. "Parecíanos moi interesante porque moitas persoas nos comentaban que a estética das súas fotografías neste proxecto remitían á Galiza, moita xente identificaba estes lugares como galegos. E parecíanos unha forma pertinente de abrirnos a outras miradas", comenta o comisario do festival. 

Completan esta sección unha escolma da creación de Bernardo Villanueva, que emprega A Coruña como escenario, e Raza, de Tono Arias, que afonda na realidade social do rural galego, para reflexionar sobre outros conceptos máis universais, como a relación do ser humano coa natureza, a soidade do individuo, o amor e a morte, o territorio e a súa transformación. 

Ademais, FFoco tamén alberga unha feira editorial centrada na divulgación de libros de fotografía. No seu seo presentarase o fotolibro Origen o cuando la marea baja, de Ana Paes (A Guarda, 1982), gañadora da primeira edición do Premio Editorial de Fotografía Documental Galega, impulsado polo propio festival. 

O documentalismo galego 

Varela cre que a fotografía documental galega está a pasar por un gran momento, "porque está a contar historias que, desde un punto de partida local están a espertar atención globalmente, tratando temas universais como a relación coa natureza, as cuestións de xénero ou a definición das identidades". 

"O ano pasado", relata Varela, "dedicamos unha exposición individual a Lúa Ribeira, que fixo historia ao ingresar na mítica Axencia Magnum, na que segue habendo moi poucas mulleres". Ela, que agora está expondo en Nova York,  é, segundo Varela "unha punta de lanza do que se está a facer no país: hai moitas outras persoas que están a traballar a un nivel moi alto e que están obtendo un recoñecemento internacional. Quizais na Galiza faltaba crear estas redes nas que poder exhibir estes traballos e fortalecer o tecido creativo. Nós pensamos que a mellor maneira de facelo é, desde aquí, desde a casa, e iso é o que nos move e o que nos anima a seguir con FFoco". 

Comentarios