Vinte anos sen Man de Camelle, o home que morreu de tristura após presaxiar o 'Prestige'

"Seguirá chegando alquitrán até que non quede máis no mar, e cando xa non chegue alquitrán, virá unha balea negra, grande como a Costa da Morte, morta", profetizara o artista alemán.
Man, na súa vivenda. (Foto: prontuariodearte.com)
photo_camera Man, na súa vivenda. (Foto: prontuariodearte.com)

Meses antes de morrer na súa humilde morada en Camelle (Camariñas), Manfred Gnädinger, Man, tivo un seu soño profético —aseguraba— que tornaría en realidade o 13 de novembro de 2002: o cadáver dunha balea emerxía das augas no medio dunha marea negra. Aquela tráxica premonición do que hoxe coñecemos como o desastre do Prestige anegou de chapapote o seu fogar.

"Seguirá chegando alquitrán até que non quede máis no mar, e cando xa non chegue alquitrán, virá unha balea negra, grande como a Costa da Morte, morta. Entón eu enterrareina e todo acabará para min", advertira aos seus veciños e veciñas. Apenas un mes e medio despois, o 28 de decembro, xusto dúas décadas atrás, Man de Camelle morreu.

Tiña 66 anos e, segundo as autoridades, o seu pasamento debeuse a causas naturais. Porén, quen máis o coñecían aseguran que a causa non foi outra que a tristura que o inundou após constatar a destrución do lugar que tanto amaba.

"Cando viu que todo o mar estaba negro, el decidiu pecharse na súa cabana e morrer. A xente da vila ía alí a levarlle comida, pero non lles abría a porta. Cando decidiron botala abaixo, xa era demasiado tarde, estaba morto. A profecía da balea negra facíase realidade", sinalaba a Nós Diario, nunha entrevista pasada, a autora do libro Man, Beatriz Maceda.

Manfred Gnädinger, o menor de sete irmáns, naceu nunha pequena vila alemá próxima a Friburgo o 27 de xaneiro de 1936, lembran desde o museo que hoxe mantén vivo o seu recordo. As súas inquedanzas artísticas e culturais levárono a Camelle en 1962, onde se instalou no que posteriormente sería o espigón nunha pequena e básica vivenda sen electricidade nin auga, "mergullándose nas frías augas de Camelle e correndo polos camiños da vila a cotío".

Na década de 1970 comeza a desenvolver a súa obra escultórica, "na que os círculos e as cores básicas son unha parte fundamental", e esténdea por todo o territorio, mais especialmente no seu consolidado xardín-museo. Cada vez radicaliza máis a súa forma de vida, cultivando os seus propios alimentos e refuxiándose do frío no pequeno solarium da morada.

Xa nos 80, o alemán mantivo unha firme oposición contra a construción do espigón de Camelle e, após remitir varios escritos ás autoridades, logrou unha modificación parcial do proxecto, que inicialmente afectaba de forma considerábel o seu xardín-museo. Porén, en sinal de protesta pola 'luz verde' a este proxecto, deixou marcada a súa silueta sobre o formigón fresco.

Silueta de Man de Camelle gravada no formigón. (Foto: Camiño dos Faros)
Silueta de Man de Camelle gravada no formigón. (Foto: Camiño dos Faros)

"A súa é unha obra viva en continuo cambio. Man non só mantén vivo o museo; tamén o reconstrúe e o retoca unha e outra vez. Os aparellos e as crebas mestúranse con as pedras e os círculos semellando un grande barco de pedra", inciden desde o museo. A pegada que Manfred, un home sinxelo que só buscaba vivir en harmonía coa natureza, deixou en Camelle perdurará por sempre no lugar.

Comentarios