Unha 'Luz poética' ilumina Santiago

Comeza a II edición do festival que celebra a poesía nova galega.
Diego Horschovski e Miriam Louzao na presentación do festival
.
photo_camera Diego Horschovski e Miriam Louzao na presentación do festival.

Do 23 ao 29 de outubro, Compostela encherase de poesía e música na segunda edición do Festival Luz Poética, festival de poesía nova de Compostela, un evento organizado polo Concello de Santiago e coordinado pola xestora Hoku Cultural. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao e un dos organizadores, Diego Horschovski, presentaron onte un amplo programa con obradoiros, roteiros e recitais, onde se darán a coñecer novas voces da poesía galega. 

Durante a presentación, Míriam Louzao reiterou o compromiso do Concello de "poñer en valor as persoas que constrúen Compostela día a día e desde diferentes sectores" e recordou que o festival toma o seu nome de Luz Fandiño, "poeta compostelá, activista, persoa implicada que fai cidade e país con cada unha das súas accións cada día", un referente que este ano unirase á figura de Rosalía de Castro, "dunha poeta a outra poeta, dunha activista a o outra activista" na que será "unha marabillosa viaxe entre ambas". 

Durante toda a semana, diversas artistas e creadoras compartirán os seus versos e a súa paixón pola palabra. Nesta edición destacan o roteiro poético de Samuel L. París e Pablo Rodríguez, o espectáculo Man a Man de Silvia Penas e Samuel Merino ou a gala no Teatro Principal de Santiago De Rosalía de Castro a Luz Fandiño, na que participarán Andrea Nunes, Lúa Mosquetera, María Lado, Tamara Andrés, Nuria Vil, Arancha Nogueira e Diana Kurich. Así mesmo o Festival contará coa presenza de poetas de grande traxectoria coma Branca Novoneyra ou Antón Lopo, en coloquios sobre a actualidade poética. 

Inspirado en Luz Fandiño

O nome do festival está inspirado na figura de Luz Fandiño: "a súa historia e a súa valía son inspiración para toda unha xeración de mozos e mozas da Galiza. Desde hai anos, unha grande parte da mocidade poética do país considéraa un faro", salientou Diego Horschovski, director do festival. 

Os eventos contemplarán espazos de encontro para escritores novos, algúns consagrados e outros que están comezando. A través dunha variada programación de actividades, búscase fomentar a expresión poética e bríndase unha plataforma para o talento emerxente no mundo das letras. O Festival está organizado por HOKU Cultural en colaboración co Concello de Santiago.

Comentarios