CONTRACULTURA

Silvia Penas: "As miñas propostas non van só de poesía, intento conxugalas con música e artes escénicas"

Silvia Penas, filóloga e escritora, reedita o seu poemario 'O resto é ceo', unha viaxe a través do seu corpo e de Cabo Verde que viu a luz en portugués (Editora Urutau, 2021) e que agora volve da man de Edicións Malafera nun formato bilingüe.
A filóloga e poeta Silvia Penas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A filóloga e poeta Silvia Penas. (Foto: Nós Diario)

Por que facer unha nova edición e por que agora?
O poemario xa ten uns anos, porque realmente foi xestado en 2019. Eu fora a Cabo Verde cunha especie de residencia e tamén para participar no festival que se fai na illa de San Vicente. Estiven arredor de 20 días e dese encontro coa cultura e coa xente xurdiu isto. Non diría que é un poemario sobre Cabo Verde, senón que recolle certas vivencias que, estando alí, me trasladaban a outras que tiña aquí e á necesidade de reflexionar.

Por momentos, foi un poemario case epistolar, atopábame soa escribíndome unha carta a min mesma e reconfigurando o que estaba vendo aí. O caso é que cando me convidaron ao Festival Voix Vivers (Toledo) me preguntaron se tiña algún poemario bilingüe. Eu non tivera nunca esa inquedanza porque sempre escribín en galego, mais si que pensei nesa posibilidade con este libro.

Escribín a maior parte en portugués, aínda que había algúns textos e palabras polo medio en galego, polo que na miña cabeza xa soaba así e tomei a decisión de publicalo nesta lingua. Con todo, nunca quedara totalmente convencida, polo que sacar esta nova edición era unha oportunidade de publicalo tamén en galego. Para min é un pouco raro porque estamos falando de galego e portugués, mais si que moitas persoas me comentaran que, sendo a poesía máis críptica ou un xénero ao que lles custaba achegarse, utilizar outra grafía coa que non tiñan tanta relación facía que lles custase máis ler o poemario. Finalmente, propúxenlle esta idea a Branca Trigo, editora en Malafera, e a verdade que foi un traballo rodado.

—De que maneira esas vivencias a trasladaban a reflexionar sobre o que vivía na Galiza?
Pois é algo que di tamén Quico Cadaval no prólogo: chegas aí e parece moi similar a Europa, mais ao rascar un pouco ves que non. Eu xa estivera en Senegal, mais por algún motivo esta viaxe tivo outro impacto. Todo iso que sempre pensamos de maneira teórica sobre o eurocentrismo e o privilexio que temos... Velo e palpalo é completamente diferente. Non sei explicalo moi ben, mais tamén é algo que me aconteceu co conflito lingüístico.

Eu estudei filoloxía e estou máis que farta de saber os motivos polos que a xeración dos meus pais lle falou ás súas crianzas en castelán. Aínda así, cando cheguei alí e vin a relación que ten o crioulo co portugués foi cando entendín perfectamente por que a miña nai me falou en castelán. Digamos que entendelo, de maneira racional, xa o entendera, mais alí foi como que vivín unha revelación tras outra. Eran cousas que xa pensara moitas veces, mais que de súpeto vía con moita máis claridade.

—O primeiro verso do poemario é “nunca souben diferenciar o poema do mundo / nin do meu corpo”. Como tece esta relación entre conceptos?
Dalgunha maneira era como se me puxese a construír outro relato de min mesma, que igual é moito dicir, mais é a maneira que teño de explicalo. Naquel momento foi como dicir ‘agora que entendín isto voume explicar como son, como cheguei até este punto’. Que en realidade non é só un retrato de min mesma, senón que hai un percorrido bastante evidente polas mulleres da miña xenealoxía familiar e da contorna caboverdiana. Hai un retrato coral que ademais tece un percorrido entre o pasado e o futuro.

O autorretrato pode ser meu, mais tamén podería ser calquera das mulleres caboverdianas coas que estiven ou as da miña familia. O poema ao que pertence ese verso foi precisamente o último que escribín porque teño case esa necesidade que nos inculcaron de crianzas de chegar a unha conclusión final nunha historia. Para min foi esa: a miña escrita non pode estar desligada da pel. Por iso tamén as miñas propostas non van só de poesía escrita, senón que intento conxugalo con outras ferramentas como a música ou as artes escénicas.

Comentarios