Contracultura

Nuria Vil: "O audiovisual galego ten unha calidade incríbel, mais é un mundo moi precarizado"

Nuria Vil, creadore de poesía escénica, vén de gañar a bolsa Ensaia, concibida como unha comunidade de persoas que se unen para apoiar economicamente as traxectorias artísticas. Vil aborda a precariedade que se vive na cultura, e concretamente na arte, así como as dificultades para lograr apoios no que define como “unha carreira de fondo e 
de resistencia”.
Nuria Vil busca achegar a poesía e a reflexión á sociedade (Foto: Dania Pol).
photo_camera Nuria Vil busca achegar a poesía e a reflexión á sociedade (Foto: Dania Pol).

Que significou saber que gañara a bolsa Ensaia?

Aínda non o teño interiorizado, mais evidentemente foi unha alegría inmensa porque supón que varios proxectos van poder saír do disco duro e facerse reais. Esta é unha convocatoria bastante aberta e menos complexa que outras bolsas ás que intentei presentarme, porque requiren dunha serie de avais bancarios e doutras institucións que non son doados de conseguir. Hai moitas axudas públicas, subvencións grandes, ás que é imposíbel acceder sen unha produtora ou sen unha infraestrutura xa creada detrás. E dos premios que hai na Galiza en relación á poesía penso que só un par chegan a estes 6.000 euros. 

Ensaia é unha comunidade de máis de cen persoas que poñen cartos, como unha especie de mecenado, polo que o que move a bolsa é o apoio humano. No proceso tamén tiveron en conta a nosa situación artística: o xurado valorou como podía axudar as persoas que non foran premiadas, potenciando o seu traballo, por exemplo, cunha rede de contactos ou de patrocinios. E unha cousa que me sorprendeu foi que me dixeran que puñan en valor a miña visión.

Detrás do meu traballo, sempre hai unha reivindicación do colectivo LGBT+ e unha loita contra o racismo, o capacitismo e o especismo, e como é algo que vai da man comigo, presentei o traballo así. 

Podía estar asinando a miña sentenza, mais pensaron que era algo que tamén representa a comunidade de Ensaia. É ter a certeza de que, dentro da sociedade hostil e deste futuro que nos agarda coa ultradereita asomando, hai persoas que están dispostas a dar o seu apoio, a pór os seus cartos e a tecer rede. Porque o único que nos salva da nosa cabeza e da soidade é ter unha rede. 

Pode contar algo dalgún deses proxectos?

Un é a produción dun vídeo sobre un poema no que hai unha personaxe que eu creei e que ten un fondo cinematográfico e de vindicación da historia de Vigo nos anos 80. Despois do que eu pago, a bolsa queda un pouco por debaixo dos 5.000 euros, entón a miña idea é acompañala doutro tipo de financiamento para conseguir que as persoas que traballen nel non se precaricen. O audiovisual galego ten unha calidade incríbel, mais é un mundo moi precarizado, é moi complicado que alguén financie a túa idea.

Que tampouco vou dicir que é imposíbel, porque hai moitas produtoras galegas que están facendo este traballo con filmes, mais eu estou percibindo que unha idea que levo intentando facer desde hai un par de anos pode materializarse. Igual que deconstruímos a idea do amor romántico, eu, persoalmente, deconstrúo a idea do éxito, que para min é como o príncipe azul. Penso que un día vai chegar e me vai sacar do resto de traballos que fago, cando non é así. 

Hai moitas formas de ser artista e igual noutros sitios vale cun sprint final, mais no meu é unha carreira de fondo e de resistencia. Se consigo aguantar, estou aquí, mais o complicado tamén é non ir desgastándose. Tampouco teño outro oficio polo que deixalo, así que intento dignificarme e seguir aí. 

Hai espectáculos programados proximamente?

A primeira semana de maio estarei participando na parte de poesía escénica no Festival Escenas do Cambio na Cidade da Cultura. Estou traballando con Iria Silvosa, que fará audiovisuais en directo de forma analóxica; con Olga Martínez (MorlitaM), que porá a música; e con Lora, de Boro e Salsagaucha, que fará o vestiario.

É unha acción que está pensada en específico para o sitio onde se vai facer e liga un pouco coa idea que abrín no proxecto do Museo Reina Sofía co poema Hai outra pel. O de maio é un poema inédito, realizado ex profeso para ese día, mais parte desa idea da vulnerabilidade e de traballar co tanxíbel.  

Comentarios