Contracultura

Lorena García: "Os obradoiros en liña son un bo modo de completar a formación e ampliar intereses"

Lorena García Álvarez (Aguiño, Ribeira, 1992) é ideadora e xestora da plataforma de obradoiros online en galego 'Na Utopía'. Tras formarse en Deseño Gráfico na Escola Ramón Falcón de Lugo vive unha experiencia laboral de catro anos en Madrid vinculada ao márketing. 'Na Utopía' (nautopia.gal) representa un camiño de regreso á Galiza e tamén un proxecto cunha dimensión colectiva que lle permite enlazar intereses e loitas. Ao mesmo tempo, é unha creadora incansábel e como proxectos paralelos destacan a súa canle de ASMR en Youtube 'Na utopía non existe a vertixe' e a colaboración en 'Gallifrey Ceive', podcast sobre a serie 'Doctor Who'.
Lorena García Álvarez, creadora de Na utopía. (Foto: Raquel Xallas)
photo_camera Lorena García Álvarez, creadora de 'Na utopía'. (Foto: Raquel Xallas)

—En que consiste "Na Utopía" e como xorde a idea?
'Na Utopía' é unha plataforma web de obradoiros online. Isto é, un sitio web onde se poden aprender todo tipo de temáticas explicadas en galego en formato vídeo.

O proxecto xorde para dar saída a moitas inquedanzas e loitas importantes para min a través da miña profesión de deseñadora gráfica e as ferramentas que aprendín dela. Así, puiden crear un proxecto no cal podo traballar da man con persoas ás que admiro e darlles un espazo na rede en que poidamos coñecelas un pouco máis e aprender con elas. Todo isto, aínda por riba, en galego dun xeito consciente. Cremos que fai falta ver proxectos de todos os tipos en galego e case máis aínda na internet. Nunca son os suficientes, e estamos encantadas de achegar algo na loita.

Só se precisa unha conta e conexión a internet

—Como funciona un obradoiro online 'Na Utopía'?
Non son aulas en directo, gravámolos coas persoas que o dan, preparando previamente a estrutura, o contido e o guión. Logo pasan un proceso de edición onde tamén engadimos algunha información máis en forma de esquemas ou infografías, para axudar tamén dun xeito visual a entender mellor aínda a información. Logo, subímolos á web, onde se poden mercar e acceder a eles en calquera momento. Só é preciso unha conta e unha conexión a internet. E son teus para sempre, non tes que volver pagar en ningún momento.

—Que persoas hai implicadas e que cursos ofertan neste momento?
Neste momento contamos con cinco obradoiros: 'Técnica básica de pandeireta', da man do músico Gabi Reboredo; 'Introdución á gravación e mestura de cancións' co tamén músico Nando Pérez; 'Introdución á fotografía dixital' coa creadora audiovisual Claudia Berro, compoñente da produtora Mala Herba; 'Técnica básica do labor de gancho ou crochet' con Sara Couselo, a quen podedes atopar no TikTok; e 'Do papel á voz', un obradoiro para se enfrontar a falar en público, da man da recitadora Nuria Vil, tamén autora do recente libro 'Simún'. Á parte disto, estamos xa a traballar en novos obradoiros para que a publicación de contido sexa constante, xa que a cantidade de persoas con propostas interesantes é abraiante. Tentaremos que o catálogo vaia sendo variado.

A creación en galego na rede creceu moito e adoramos ver que isto é así

—É case inevitábel pensar na pandemia e no confinamento ao falar de algo como obradoiros online.
Durante o confinamento todo o online creceu moitísimo, pero sitios web deste tipo xa os había tamén antes disto e sempre me pareceron un xeito moi bo de complementar outro tipo de formación ou de descubrir ou ampliar intereses. Creo que serviu para que a xente que non estaba tan interesada antes neste tipo de posibilidades puidesen velas con outros ollos e darlles unha oportunidade.

—Nestes anos vimos unha efervescencia de creatividade na nosa lingua que sobordaba os eidos clásicos e se orientaba cara a rede. Como ve este momento, a que pensa que pode deberse?
É verdade que a creación en galego na rede creceu moito e adoramos ver que isto é así. Non sei se hai unha única razón para que isto pasara, pero creo que quizais iniciativas como Youtubeiras, o éxito do #DígochoEu ou, desde hai xa máis tempo, o consultorio lingüístico @emgalego no Twitter, entre outras, tiveron moito que ver. Canto máis vamos vendo todo tipo de contido en galego, máis persoas entenden que poden facelo así, na súa lingua, e non teñen por que mudala para a rede. Oxalá a tendencia continúe e cada vez máis persoas se sintan cómodas creando na súa lingua e se animen a facelo.

Comentarios