Lembran a Luz Pozo Garza no centenario do seu nacemento

A Xunta da Galiza presenta a programación que terá como epicentro a Biblioteca e o Arquivo da galiza, na Cidade da Cultura.
Luz Pozo Garza (Foto: Editorial Galaxia)
photo_camera Luz Pozo Garza (Foto: Editorial Galaxia)

O centenario da escritora Luz Pozo Garza lembrarase cunha decena de actividades entre exposicións, un espectáculo musical sobre unha das súas obras, actividades académicas e iniciativas no eido editorial.

Así o anunciaron esta terza feira os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo M. Lorenzo e Valentín García no acto de presentación da efeméride que se conmemora este ano.

Un dos eixos centrais das actividades será a exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, arte e vida, coa que a Xunta da Galiza arrancará a programación o 9 de xuño e dará cumprimento ao desexo expreso da propia autora que, en maio de 2016, fixo doazón da súa biblioteca e arquivo á Biblioteca e ao Arquivo da Galiza.

A estes fondos sumaranse achegas de diversas persoas próximas á autora, doutras bibliotecas e arquivos, así como a documentación audiovisual que se conserva sobre a súa figura. 

A mostra, comisariada por Olivia Rodríguez, está estruturada en 10 áreas temáticas a través das que se fai un percorrido pola súa vida, obra e contribución á cultura e pensamento. Poderá verse na Biblioteca da Galiza da Cidade da Cultura até o 17 de outubro. 

Publicacións, xornada e música 

Outra das actividades será a publicación por parte do Centro Ramón Piñeiro da edición facsimilar da revista Mensajes de Poesía, dirixida no seu tempo por Eduardo Moreira coa participación decisiva de Luz Pozo Garza, coa autoría dos investigadores Luis Alonso Girgado, Armando Requeixo, Tamara Andrés e Manuel Naveira. Nesta publicación da posguerra escribiron grandes voces da poesía como Pura Vázquez ou Ánxel Fole, entre outros.

A programación completarase con distintas actividades paralelas, entre as que destacan as xornadas Constelación Luz na Cidade da Cultura e incluirá un catálogo que documentará o resultado da exposición central coa participación de Carmen Blanco, Xesús Alonso Montero, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Pilar García Negro, Olga Novo, María Novo, Manuela Palacios, Claudio Rodríguez, Mónica Vázquez e Darío Villanueva. Ademais, coincidindo coa data exacta do nacemento de Luz Pozo Garza, o 21 de xullo, terá lugar o concerto de Sol de Medianoite.

Comentarios