Falece a poeta Luz Pozo Garza

Luz Pozo Garza (Foto: Editorial Galaxia)
photo_camera (Galaxia)

Faleceu Luz Pozo Garza aos 97 anos de idade. Poeta e membro da Real Academia Galega (“unha das voces máis excelsas, orixinais e vibrantes das nosas letras contemporáneas”, definíraa o seu presidente Victor Freixanes). 

Luz Pozo Garza naceu en Ribadeo o 21 de xullo de 1922. Referente no panorama literario galego, incorporouse á Real Academia Galega como membro en 1950 e era numeraria da institución dende 1996.

Poeta dende moi nova, o amor e a sensualidade son constantes na súa obra. “Se por algo se caracteriza a súa poesía é pola súa luminosidade carnal e espiritual dunha poeta metade erótica e metade mística”, afirmara Claudio Rodríguez.

Tanto como poeta como ensaísta, crítica literaria ou inclusive editora, a achega de Luz Pozo Garza ao noso país é incalculábel. En palabras de Olivia Rodríguez, “é hoxe imposíbel facer poesía, crítica, música ou deseño gráfico na Galiza sen reflectir algo da potencia poética de Luz Pozo Garza”.

A poeta e académica, encadrada por Méndez Ferrín na Promoción de Enlace e integrante da Xeración dos 50, é autora de títulos fundamentais da poesía galega contemporánea, como Concerto de outono (Ediciós do Castro, 1981), Códice Calixtino (Sotelo Blanco, 1986) ou Prometo a flor de loto (Deputación da Coruña, 1992).

Intimista e intensa, de raíz rilkeana, existencialista sen estridencias patéticas, a súa obra entrou en diálogo cos clásicos gregos -Medea en Corinto (Linteo, 2003)- e galegos -Vida secreta de Rosalía (Espiral Maior, 1996). Sobre Rosalía de Castro tratou, xustamente, o seu discurso de ingreso na Academia, Diálogos con Rosalía, en 1996.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios