A RAG homenaxea Luz Pozo Garza no seu 95 aniversario

O acto terá lugar o 21 de xullo na sede da Real Academia Galega e nel participarán dez poetas de distintas xeracións que recitarán e comentarán poemas da escritora e académica.

Luz Pozo

A Real Academia Galega renderá a homenaxe a Luz Pozo Garza cun acto literario e musical que se realizará na sede da institución o día do seu 95 aniversario. Con este acto, a RAG quere agasallar, en palabras de Víctor F. Freixanes, a “unha das voces máis excelsas, orixinais e vibrantes das nosas letras contemporáneas”.

No acto dez poetas de distinta xeración recitarán e comentarán textos da autora. Os escritores participantes serán: Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés, Olga Patiño, Eva Veiga, Marilar Aleixandre, Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño e Manuel Rivas. A escolma dos textos foi realizada para a ocasión nun opúsculo coordinado pola académica Olivia Rodríguez, condutora literaria da celebración.

A soprano Patricia Rodríguez Rizo e o Cuarteto Cimarrón encargaranse da parte musical do acto interpretando Tres cancións para Rosalía, unha adaptación musical de tres poemas de Luz Pozo Garza do compositor Gabruel Bussi.

Luz Pozo Garza, referente no panorama literario galego, incorporouse á Real Academia Galega como membro en 1950 e é numeraria da institución dende 1996. Poeta dende moi nova, o amor e a sensualidade son constantes na súa obra. “Se por algo se caracteriza a súa poesía é pola súa luminosidade carnal e espiritual dunha poeta metade erótica e metade mística”, afirma Claudio Rodríguez.

Tanto como poeta como ensaísta, crítica literaria ou inclusive editora, a achega de Luz Pozo Garza ao noso país é incalculábel. En palabras de Olivia Rodríguez, “é hoxe imposible facer poesía, crítica, música ou deseño gráfico en Galicia sen reflectir algo da potencia poética de Luz Pozo Garza”.

Comentarios