Contracultura

Javi Maneiro: "Para min é importante ter o público perto e poder palpar as súas sensacións no directo"

Javi Maneiro (A Pobra do Caramiñal, 1973), un dos fundadores de Heredeiros da Crus, está a piques de rematar a xira de "Un bonito despertar", o seu traballo en solitario. O fechamento da xira será este sábado, 2 de marzo, no Teatro Principal de Pontevedra, mais estes temas aínda terán o seu percorrido nos meses de verán.
O cantante e compositor Javi Maneiro (Foto: Pily Reñones).
photo_camera O cantante e compositor Javi Maneiro. (Foto: Pily Reñones).

—Que valoración fai da xira?
Fenomenal. Para min o máis importante é que a xente está descubrindo outra faceta miña, a de verdade, a persoa. É moi difícil mostrar un disco, porque agora mesmo todo o mundo vai moi rápido, consome a música dunha maneira distinta, e aínda así eu percibo que están descubrindo Un bonito despertar, que se están parando e que lles gusta. 

Agora xa non se venden discos porque a xente escoita todo no teléfono, hai tantísima información que é difícil que alguén tropece contigo. E o feito de que eu estea aí, tocando e presentando o disco, provoca que tropecen comigo. Percibo que a xente quere afondar máis no disco e no meu traballo cando sae dos concertos, porque están indo moi ben. Eu sigo sendo da maneira antiga, do boca a boca. Agora supoño que será de rede a rede. Mais é importante que a xente saque fotos, que queira compartir como viviu ese concerto, e iso fará que as súas amizades queiran verme, que pensen en achegarse a esta música que quizais doutra maneira non atoparían. 

—Son diferentes as sensacións ao rematar un concerto?
Totalmente. Por iso tamén decidín facer os concertos en pubs e en teatros, para ter a xente máis perto e poder palpar as súas sensacións. Para min é moi importante telos perto e velos. Eu, en xeral, sempre acabo coa sensación de que a xente desfrutou, aínda que sexan fans de Heredeiros da Crus, gústalles esta historia que estou contando. Ademais, a música que fago segue a ser moi rockeira e sona incríbel porque levo unha banda alucinante comigo. Nestes concertos saben que non se van atopar coas movidas que fai Heredeiros en directo, porque a temática é totalmente distinta. 

Para min é máis doado presentar estes temas porque nacen de min e falan de cousas moi íntimas. Éme máis fácil presentar "A paletilla baixa" que unha canción que non escribín eu ou que non sinto como algo que me atravesa agora. Ao final, moitas das cancións de Heredeiros son de cando eu tiña 20 anos. 

—Ten algún outro proxecto no horizonte?
Agora mesmo estamos fechando moitas datas con concertos para o verán. Estamos tendo moita sorte porque xa hai case máis concertos fechados dos que levamos da xira. Vemos que está gustando o que propomos, está tocando na xente e pouco a pouco vai sendo unha bóla que vai medrando. De feito, o outro día dicíame unha amiga miña que se estaba achegando á miña música xente que non era o meu público habitual. Iso paréceme moi chulo: chegan porque lles gusta o que fago agora. 

Eu cando fago música non estou pensando na xente, penso en min e en sentirme cómodo escribindo, é a única maneira de facelo ben. Logo, se podo chegar a máis público xenial, como calquera artista. 

Se algo me ensinou a vida é que primeiro teño que gustarme a min e ten que ser verdade, para poder transmitilo. Se unha mensaxe que ti dás non é verdade, nótase en seguida. Por iso tamén hai tempo que non escribo nada para Heredeiros da Crus, porque me custa moito traballo pórme na pel dun rapaz de 18 anos. E ademais é que o que faciamos nós con 18 anos non o fan os rapaces de agora. Para min, ese estilo de escribir xa pasou. O máis honesto e real agora é escribir o que me sae a min de dentro, coa experiencia que teño da vida. Iso si podo defendelo nos concertos en directo.

Comentarios