Iván Vilela & Pablo Castaño abrirán o Maio Jazz 2023

O ciclo levará durante este mes ao Teatro Colón outras catro formacións das máis destacadas do panorama jazzístico galego: Cuarteto Federal, Antón Quintela, Javier Otero Neira e Pablo Sanmamed Trío
O saxofonista Pablo Castaño nun acto do Museo do Pobo (Foto: Arxina).
photo_camera O saxofonista Pablo Castaño nun acto do Museo do Pobo (Foto: Arxina).

O Maio Jazz volve ao Teatro Colón da man da área de Cultura da Deputación da Coruña para ofrecer, este mes, cinco concertos que reunirán outras tantas formacións das máis destacadas do panorama jazzístico galego. 

Abrirán o ciclo, o domingo 14, Iván Vilela & Pablo Castaño, nunha das paradas da xira do seu disco Mat[R]iz. A viola de dez cordas de Ivan Vilela —un dos artistas máis influentes da música instrumental brasileira— e o saxo do padronés Pablo Castaño —nome referencial do novo jazz galego— atópanse en Mat[R]iz transitando con naturalidade nas súas creacións entre os contextos erudito e popular. Estarán acompañados no Teatro Colón polas voces de Felisa Segade e Gabi Reboredo. 

A segunda das propostas do ciclo, o sábado 20, é a de Cuarteto Federal, un proxecto que naceu na estadía de Xacobe Martínez nas Residencias Artísticas Mariñán 2022. A súa proposta é o encontro de músicos convocados desde a periferia tanto xeográfica como estilística: o piano do andaluz Javier Galiana, a batería do catalán Guillem Arnedo, o saxo do Canario Kike Perdomo e o contrabaixo do santiagués Xacobe Martínez.

 

Nemólito (rocha arborizada) é o nome do proxecto de presentación da nova música de Antón Quintela, batería e compositor galego establecido no Porto. Estará acompañado, o domingo 21, por tres dos máis importantes virtuosos do jazz portugués: José Soares (saxo alto), Miguel Meirinhos (piano) e Demián Cabaud (contrabaixo): intérpretes cunha ampla proxección internacional que en Nemólito aportan matices ao imaxinario musical de Quintela, caracterizado principalmente por unha forte compoñente lírica. O cuarteto encádrase na vangarda do jazz e bebe de múltiples influencias dentro e fóra do xénero. 

O estradense Javier Otero Neira (piano e electrónica) presentará no Colón, o sábado 27, acompañado por Iria Ramos (baixo e sintetizadores), o seu disco recente, Saraiba, un traballo baseado nos sons de vangarda, o folclore e as músicas máis actuais. O concerto completarase con temas da álbum anterior de Otero, Reconstruction

Pechará o ciclo o Pablo Sanmamed Trío (Pablo Sanmamed, dirección musical e contrabaixo; Iago Mourinho, piano; e Bruno Coucieiro, batería), formación que contará no Colón coa colaboración de Benxamín Otero (óboe e corno inglés). O seu terceiro álbum de estudo, Zugunruhe, alude a certo comportamento ansioso que impide migrar a algúns animais; en especial algunhas aves. Este concepto etolóxico motiva parte das composicións do disco. 

Comentarios