O Primavera de Jazz de Ourense fai 25 anos

O programa da cita no Café Latino inclúe dez concertos até o 1 de maio.
O Canadian Jazz Collective no club de Ronnie Scott en Londres.
photo_camera O Canadian Jazz Collective no club de Ronnie Scott en Londres.

O festival Primavera de Jazz de Ourense celebra, a partir desta quinta feira, os seus primeiros vinte e cinco anos con dez concertos de artistas cun gran recoñecemento internacional. 

O programa do encontro organizado polo Café Latino comeza na xornada de hoxe coa actuación de Jorge Pardo, que chegará nunha formación de trío, acompañado na guitarra por Melón Jiménez e na percusión por Adri Trujillo. 

Outro trío, neste caso o de Abe Rábade, acompañado por Pablo Martín no contrabaixo e o brasileiro Bruno Pedroso na batería, tocará o vindeiro día 24 deste mes. 

Tres días máis tarde, o 27, volve un vello coñecido do festival, o mestre flamenco Josemi Carmona, que desta vez acudirá ao Primavera de Jazz acompañado de dúas cantaoras. 

 

Kenny Barron, un dos mellores músicos de bebop en activo, abre o mes de maio, o día 1, cunha proposta de piano a solo. 

E o día 3 de maio, será a quenda dunha lenda do jazz actual, o saxofonista Kenny Garrett, que virá desta vez acompañado da artista cubana Melvis Santa, unha das cantantes favoritas de Bebo e Chucho Valdés. O artista de Detroit encheu na edición do ano pasado e é probábel que repita neste 2023.

 

Aposta canadiana 

O pianista Bruce Barth estréase no festival o día 10 de maio cun trío no que o acompañarán o contrabaixista Mark Hodgson e o batería Stephen Keogh. Unha das apostas do festival chegará ao escenario do Café Latino o día 15: o Canadian Jazz Collective, un seteto formado en 2022 polo saxofonista Kirk MacDonald, o trompetista Derrick Gardner, o guitarrista Lorne Lofsky, a clarinetista Virginia MacDonald, o baixista Neil Swainson, o pianista Brian Dickinson e o batería austriaco Bernd Reiter. O primeiro álbum da formación, Septology, recibiu grandes encomios da crítica. 

Tres días despois, o 18 de maio, o saxo alto Jesse Davis, un dos "novos leóns" de Nova Orleans, seguidor da tradición iniciada pola familia de Ellis, Wynston e Brandford Marsalis. 

O 25 será a quenda do saxofonista Wayne Escoffrery que virá cunha banda formada por David Kikoski ao piano, Ugonna Okegwo ao contrabaixo e Mark Whitfield Jr na batería.  

O feche será a cargo do quinteto local liderado por Ton Risco e Alfonso Medela, o 1 de xuño.   

Comentarios