PT Excéntricas leva aos escenarios a novela de Risco, baixo a dirección de Quico Cadaval

O irresistíbel ascenso do porco de pé

O triunfo do diñeiro, o ascenso do autoritarismo e a perda de valores éticos na sociedade. Podería ser un resumo de O porco de pé, de Vicente Risco, a novela que agora, a compañía PT Excéntricas, baixo a dirección de Quico Cadaval, leva aos escenarios. Mañá estréase a obra no Teatro Principal de Ourense. 
Quico Cadaval. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Quico Cadaval (Foto: Nós Diario).

“O texto é tan actual que non precisa de ningunha actualización”, di Quico Cadaval. Acaba de saír dun dos últimos ensaios antes de estrea de O porco de pé, que terá lugar mañá, no Teatro Principal de Ourense e comenta con Nós Diario a potencia subversiva dunha obra que, malia estar presente en todos os plans de estudos, non está tan presente na sociedade como debera. 

“A idea de facer esta obra veu dun reto que nos presentou a Fundación Vicente Risco en pleno confinamento e naquel momento pareceunos unha grande idea. É unha obra que noutro sistema cultural tería moita máis presenza”, explica Cadaval. Despois daquel primeiro confinamento houbo moitas dificultades para representar obras: as medidas sanitarias derivadas da pandemia restrinxían moito tanto o traballo de ensaios como as propias representacións e a idea foi adiándose. “Mais xa a tiñamos na cabeza e continuamos traballando nela. Como obra literaria é moi satírica, mesmo caricaturesca, e ese é un terreo onde nos sentimos moi cómodos”. 

A novela lembra moito ese período de entreguerras da cultura rota, influída polo cabaré e pola demagoxia política, entendida como crítica insultante

“Resulta sorprendente como a intención satírica da obra de Risco percorre todos os estamentos da súa sociedade. A novela lembra moito ese período de entreguerras da cultura rota, influída polo cabaré e pola demagoxia política -entendida como crítica insultante- e, claro, os paralelismos coa sociedade actual daban instrumentos de sobra como para enfrontarnos a unha posta en escena que interese ao público”. 

A confrontación entre dúas formas de ver o mundo, representadas polo protagonista -o “porco”-, Celidonio, e o doutor Alveiros, conforma o eixo sobre o que se desenvolve a trama de O porco de pé, un antagonismo que facilita a translación teatral da obra. “Non deixa de ser unha oposición cunha gran tradición no teatro”, confirma Cadaval. “O enfrontamento entre o materialismo e o espiritualismo é un tema substancial en Risco. Tamén e evidente que conta dúas historias: por unha parte, o irresistíbel ascenso dun porco fagocitador e completamente falto de escrúpulos, sen ningún atisbo de moralidade; e, por outra, a derrota do home espiritual, da persoa sen ambicións materiais que rexeita favores públicos e riqueza”. 

Os paralelismos coa sociedade actual, non obstante, non forman parte dos obxectivos -polo menos, dos declarados- de Cadaval. "Esas tensións terá que velas ou non o público: falamos do período de entreguerras, do ascenso do fascismo e da submisión ante os movementos autoritarios. Mais nós non pensamos insistir".

É bastante abraiante que un conservador como Risco e un marxista como Bertolt Brecht coincidan nesa visión da sociedade da altura en tantos elementos

Estética de cabaré

Cadaval subliña a importancia do apoio da súa equipa. “Empezando por Pepe Sendón, un dramaturgo minucioso que, seguindo a miña idea, fixo unha adaptación espléndida. El é un gran coñecedor da época histórica na que se desenvolve a obra e xa fixera a adaptación de A ópera de tres reás, e iso facilitou o obxectivo de crear un espectáculo de teatro épico moi descarnado e moi influenciado pola estética do cabaré típico dos anos 20. Hai similitudes asombrosas entre ambas as dúas obras: é bastante abraiante que un conservador como Risco e un marxista como Bertolt Brecht coincidan nesa visión da sociedade da altura en tantos elementos: o fracaso da espiritualidade e o triunfo do diñeiro ou a amoralidade que prescinde de calquera xuízo ético na acción pública. E tamén no gusto polo carnavalesco, polo paródico, polas formas de barracón e de teatro de monicreques... Un espectáculo case de fenómenos de feira, que é onde nós queriamos ir. O home-porco levábanos claramente cara aí”. 

A influencia das vangardas europeas na obra de Risco non constitúe ningunha novidade, mais si que resulta novidoso que aquela estética do autor se poida contemplar enriba dun escenario. Os espectáculos de PT Excéntricas exploran moitos dos recursos dramáticos que se popularizaron naquela época, comezando por esa mestura entre o culto e o popular que xorde naqueles anos. “En realidade, esta obra vén reforzar a traxectoria de PT Excéntricas”, comenta Cadaval. “Se noutros espectáculos a compañía collía a Shakespeare ou os románticos e destruíaos, aquí o traballo de destrución xa vén dado pola obra de partida. A novidade, en realidade, sería que contamos con Vicente Risco como aliado”. 

Hai outros cómplices: a escenografía e o vestiario de Carlos Alonso tamén axudan. "El ten unha estética de refugallos representa moi ben a maneira de ver o mundo que ten a xente das barracas, que dalguha forma están fóra da vida social e son os que miran para a trama de Risco". Ou a banda sonora de Piti Sanz, que recicla esa música de cabaré que é un selo de identidade da época. "E tamén haberá algunha homenaxe ao expresionismo alemán, como era case obrigatorio", apostila Cadaval.

Primeiras funcións en Ourense e Santiago

Interpretada por Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, baixo a dirección de Cadaval, O porco de pé poderá verse os días 31 de marzo e 1 de abril no Teatro Principal de Ourense, para viaxar logo a Santiago de Compostela, onde estará patente no Teatro Principal da cidade os días 7 e 8 de abril.

Comentarios