Producións Teatrais Excéntricas leva 'O porco de pé' de Risco a Ourense

A adaptación teatral comezará no Teatro Principal da cidade o 31 de marzo e percorrerá outras cidades e vilas galegas.
A presentación da obra realizouse no Teatro Principal de Ourense (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A presentación da obra realizouse no Teatro Principal de Ourense (Foto: Xunta da Galiza).

O Teatro Principal de Ourense acollerá o vindeiro 31 de marzo a estrea de O porco de pé grazas á adaptación de Producións Teatrais Excéntricas. O espectáculo que leva ás táboas a peza de Vicente Risco ten a Quico Cadaval como director e codramaturgo xunto a Pepe Sendón.

Na presentación da montaxe, realizada no propio teatro, a compañía asegura que "nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán como nunha lanterna máxica, anarquistas, deportistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas". 

Con este espectáculo, a compañía compostelá reinventa o retrato de Nós e ofrece un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón, con Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo como elenco. Completan o equipo Carlos Alonso na escenografía e no vestiario, Octavio Mas na iluminación e Piti Sanz na banda sonora.

Representacións da obra por todo o país

Do 30 de marzo ao 1 de abril, haberá tres funcións deste espectáculo en Ourense, cun pase pase inaugural especial a cuarta feira ás 12 horas, dirixido a escolares.

Nas xornadas da quinta e da sexta feira as representacións darán comezo ás 20 horas. Posteriormente, a peza percorrerá 12 concellos máis até outubro e en catro deles -Lalín, Lugo, O Barco de Valdeorras e Ortigueira- faráo ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta da Galiza. A eles súmanse actuacións no Rosal, Santiago de Compostela, Rianxo, A Illa de Arousa, Allariz, Vilalba, Verín e Malpica de Bergantiños. 

Programación da RGTA en Ourense 

A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) en Ourense ofrece até xuño un total de sete actuacións.

Así, ademais de Moria, de Unahoramenos Produccións, que abriu o cartel o pasado xaneiro, e O porco de pé, o Teatro Principal ten prevista a chegada da coprodución do Centro Dramático Galego Rastros para o 22 de abril, coa compañía Condetrespés. Xa o día 30 de maio, Teatro Proscrito ofrecerá Manar. A derradeira caravana. O feche semestral do circuíto na cidade ourensán poráo a compañía Voadora con Othello, o 9 de xuño.

Comentarios