'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'

Iolanda Álvarez: “Na fase romana do castro de San Cibrao de Las conviviron varios tipos de vivendas"

A arqueóloga Iolanda Álvarez achéganos ao castro de San Cibrao de Las, a cabalo dos concellos de San Amaro e Punxín. Un castro  cunhas dimensións de case 10 ha e unha poboación estimada dunhas 2.000 persoas. Unha nova entrega do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

San Cibrao de Las 3

No  teu  artigo sobre o castro de San Cibrao de Las descríbes a zona de  vivendas,  na fase prerromana, como  unha  entidade -a familia- autosuficiente.  Poderíase estimar cantos  membros, de media, conformaban esa "familia nuclear"?

A estimación é moi complexa e para estes cálculos utilízanse baremos xeneralizados no estudo da Prehistoria mais que non se poden confirmar con seguridade en casos particulares. A ratio utilizada en San Cibrán de Las é un intervalo amplo entre 4-7 persoas por familia. Esta cifra é só unha estimación que utilizamos para axudarnos no proceso de interpretación. Neste tema estamos limitados tamén polo feito de que non existen necrópoles que poidan estudarse, como noutras culturas peninsulares.

E, en relación  co anterior,  hai  informacións que permitan saber se cada  unha das "familias nucleares"  terían  funcións específicas dentro  do  conxunto da  comunidade  ou en cada  unha  delas  farían de todo  á vez (agricultura,  gandaría, manufacturas etc)?

Os estudos territoriais e o rexistro arqueolóxico obtido nas escavacións arqueolóxicas achégannos á interpretación destas evidencias de carácter económico para as comunidades castrexas. En San Cibrao de Las, e tendo en conta que se escavou só unha parte do castro, non se documentaron unidades de vivenda especializadas en traballos concretos fóra dunha delas dedicada ao traballo metalúrxico. Esta especialización en relación aos traballos metalúrxicos aparece tamén noutros poboados escavados mais non é posíbel xeneralizar esta cuestión, necesitaríanse máis escavacións e estudos nos xacementos.

Indicas que estas zonas de  vivendas,  coa romanización, experimentan cambios como  maior  desigualdade entre os distintos  espazos  ou a desaparición  do almacén familiar. Que  podería implicar estes datos que  sinalas?

Na fase romana do castro de San Cibrao de Las, as datacións obtidas permiten dicir que conviviron varios tipos de vivendas, polo que se pode afirmar a existencia de diferenzas entre as distintas unidades documentadas. Existe unha clara desigualdade entre elas, con grupos que se beneficiaron do uso duns espazos de maior tamaño para o seu desenvolvemento familiar e as súas actividades mentres que outros teñen un espazo moi reducido. É complicado resumir aquí todos os detalles, pero podemos concluír despois do estudo destas transformacións dos espazos de habitación, que as vivendas que se benefician de mellores espazos ou máis grandes, demostran un maior grao de adopción de patróns romanos, por exemplo a aparición de distribuidores de acceso, a existencia de dúas cociñas, ou a presenza de elementos de escultura. 

Desapareceu a uniformidade dos espazos de vivenda que existía na fase prerromana, que reflectía a existencia dunha comunidade con trazos  segmentarios e á vez autosuficientes, para deixar paso a unha nova forma de organización social e económica dirixida polos intereses de Roma.

Tamén  sinalas que a zona da  croa, dentro dá muralla  máis no interior,  non funciona como zona de habitación.  Temos datos para especular sobre que  funcións  rituais  ou  relixiosas  poderían  ter lugar  aí? Esta vinculado ese  espazo - sen  habitacións- a ser un castro de  maiores  dimensións e, como  sinalas,  ter un lugar para  cohesionar a  comunidade que o habitaba?

 Na segunda fase romana do castro, o recinto central, deseñado desde o primeiro momento como un espazo destacado e moi posibelmente vinculado a actividades e accións comunais, reforzou o seu papel. Unha proba diso son as dúas inscricións atopadas durante a escavación do ano 2003, que fan referencia a deuses con nomes indíxenas, pero cunha estrutura propia da  epigrafía  votiva local xa en latín. Sería moi interesante escavar no recinto central para poder coñecer máis datos contextualizados xa que apenas se fixeron intervencións neste recinto.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios