Novo coleccionábel no mes de xuño

Os enigmas dos castros galegos, ao descuberto con ‘Nós Diario’

Tomando prestada parte da letra do himno galego de Pondal, preséntase o coleccionábel “Confín dos verdes castros e valeroso clan!”. A nova publicación de Nós Diario, en 18 entregas, de terza a sexta feira do mes de xuño, permite un achegamento ao mundo dos castros da man de arqueólogos e especialistas que teñen un coñecemento de primeira man. Con datos científicos -mais nun estilo ameno e divulgativo- internámonos no mundo da cultura castrexa, con investigacións en permanente evolución e contraste sobre a orixe dun dos elementos que nos define como pobo.

F.1.-Castro e Museo de Vlladonga (fot.2008)
photo_camera Castro e Museo de Viladonga, en Castro de Rei. (Foto: Nós Diario)

O primeiro dos fascículos publicarase o 1 de xuño e consiste nunha introdución xeral ao mundo dos castros asinada por Felipe-Senén López Gómez, arqueólogo e coordinador do coleccionábel e que nos lembra que “a silueta dos castros configura os horizontes da paisaxe galega, asociados a lendas, a tesouros. Arqueoloxía que suscitou o interese de ilustrados e románticos, avivado nos anos do Modernismo. Na cultura castrexa póñense as orixes e a orixinalidade da Galiza”.

O 1 de xuño comeza o novo coleccionábel, de 18 entregas e coordinado polo museólogo e arqueólogo Felipe-Senén, sobre os castros galegos

O museólogo dá conta nesta primeira entrega das crónicas do século IV, que recollen informacións anteriores, sobre como eran os poboadores daquel tempo, e que sinalan que as mulleres vestían saias con debuxos, que usaban camisas de liño, os homes tiñan guedellas como as mulleres e que, no combate, cinguíanas con diademas. Usaban espadas curtas, puñais de antenas e un pequeno escudo. Comían unha vez ao día, carne de ovella; practicaban a caza e a pesca; cultivaban cereais, leguminosas; facían pan de landras; bebían zumes de froitas; escaseaba o viño e xantaban sentados en bancos, arredor das paredes da casa, pasándose uns a outros os alimentos, comezando polos de maior idade.

Despois da introdución xeral publicaranse os estudos sobre 17 castros da Galiza que se atopan escavados. Os artigos divulgativos, asinados cada un por distintas persoas investigadoras, trazan os datos básicos do poboado, os habitantes, as defensas, as construcións -murallas, foxos, casas-, así como outras pezas atopadas nas escavacións, e toda a información actualizada para valorar o patrimonio e a investigación, a través dun coñecemento ameno do que as “pedras nos din”.

Borneiro, Viladonga e Armea

A arqueóloga Ana Romero Masiá achegaranos ao castro de Borneiro, en Cabana de Bergantiños, onde destacan entre os materiais pétreos atopados, pola súa abundancia, os muíños. Tamén informa das pedras de afiar e dos restos de moldes de fundición de metais. Felipe Arias Vilas redacta o fascículo sobre o Castro de Viladonga, no concello de Castro de Rei. O que foi membro fundador do Museo do Pobo Galego e director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza sostén que Viladonga é un dos mellores exemplos dos castros ocupados nas etapas prerromana e galaico-romana e, neste caso na fase máis tardía, até o final do Imperio Romano e mesmo coincidente coas primeiras décadas do Reino Suevo.

Alba Antía Rodríguez e Patricia Valle dirixiron as sucesivas intervencións arqueolóxicas na Cibdá de Armea, en Allariz, e Adolfo Fernández é o director científico do proxecto Armea. Os tres, investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, asinan o fascículo sobre “A cibdá galaico-romana de Armea”. Dan conta que desde 2011, intervense nesta zona sistematicamente -na parroquia de Auga Santas-, centrándose nun primeiro momento na re-escavación das estruturas documentadas nos anos 50 do século pasado, e, desde 2014, en novas zonas, obtendo secuencias estratigráficas e exhumando por completo dúas grandes domus, así como unha terceira de maneira parcial, a domus do Tríscele. Trátase dun asentamento cunhas características especiais que deixarán ás lectoras e lectores con ganas de ir visitalo.

Castromao e San Cibrao das Las

Outro dos asentamentos que inclúe o coleccionábel é Castromao, nas Terras de Celanova. Asina o traballo o arqueólogo municipal do Concello de Ourense, José María Eguileta. A visita a Castromao permítemos ver, indica o autor, os vestixios arquitectónicos das xentes que o habitaron, e valorar a situación estratéxica do castro. Destaca a ampla visibilidade que tiñan do seu entorno, tanto o inmediato como a moi longa distancia. Desde alí obsérvanse outros castros, próximos e máis distantes. O interior do castro estivo habitado até o s. II d.C., en fases xa avanzadas da romanización.

Nun traballo de aproximación aos castros galegos escavados non podía faltar o de San Cibrao das Las, a cabalo dos concellos de San Amaro e Punxín. A arqueóloga Iolanda Álvarez achega un dato fundamental de contextualización sobre o tamaño e número de habitantes que podín ter. Sinala no seu traballo que os poboados castrexos están delimitados por murallas e foxos e teñen unha superficie media que oscila entre unha e dúas hectáreas, ocupadas por pequenos grupos dunhas 200 persoas. Este tipo de poboados definen a cultura castrexa durante máis de oito séculos, pero a partir do século II a.C. aproximadamente, aparecen algúns cambios que van transformando este modelo de ocupación do territorio. Un exemplo destas mudanzas é a existencia de grandes poboados como o castro de San Cibrao das Las, cunhas dimensións de case 10 ha e unha poboación estimada dunhas 2.000 persoas.

Elviña, Troña, Santa Trega e Castrolandín

Fidel Méndez, arqueólogo que dirixiu os traballos de escavación do castro de Elviña, achéganos información moi valiosa deste asentamento encravado na Coruña. Afirma que constitúe unha das cabeceiras comarcais da Terra dos Ártabros onde, case que con total seguridade, existirían outras de aplicar unha sinxela escala de rango-tamaño. Unha das singularidades deste castro consistiría no vínculo co porto emprazado na zona do Parrote, na Coruña, e que a maior parte dos autores identifican co porto dos ártabros das fontes clásicas.

‘Nós Diario’ analiza da man de persoas investigadoras 17 castros escavados

O arqueólogo Alberte Reboreda estuda o castro de Troña, en Ponteareas, no corazón do val do río Tea, afluente pola dereita do Miño, unha zona de penetración de produtos de orixe mediterránea cara ao interior. Ocupado de forma ininterrompida entre os séculos VI-V a.C. e os séculos I-II da nosa Era, esta aldea fortificada especializouse na explotación de recursos primarios (agro, gando e pesca), pero tamén na fundición de ferro, material no que os ferreiros moldean por vez primeira na historia as ferramentas e as armas dos galaicos.

Santa Trega non podía faltar no estudos sobre os castros galegos. O arqueólogo e profesor da Universidade de Oviedo Diego Piay -cunha tese sobre o priscilianismo- repara en que un dos elementos máis sorprendentes do poboado da Guarda é o que poderíamos denominar a “economía da auga”; nas zonas escavadas percíbese unha estratexia intensiva de aproveitamento da auga da choiva mediante a realización de alxibes e canais escavados no substrato rochoso.

O investigador Héitor Picallo dá conta de Castrolandín, en Cuntis. E infórmanos dos resultados das campañas efectuadas até da data. Desde a primeira, en 2004, con Xurxo Ayán á fronte e nas seguintes (2005-2009), baixo a dirección de Carlos Otero Vilariño, até a máis recente (abril de 2021).

Fazouro, Santa María de Cervantes e os Castros de Neixón

O arqueólogo Luis Cordeiro analiza o castro de Fazouro, en Foz, na Mariña, á beira do mar e que segue un esquema similar ao de gran parte dos xacementos de promontorio da rasa costeira, isto é, recinto habitacional e produtivo situado nun ámbito peninsular do que se aproveitan as excelentes condicións de defensa natural aportada polos abruptos cantís.

Outra tipoloxía ben distinta é a que analiza o arqueólogo Luis Francisco para o castro de Santa María de Cervantes, localizado nos Ancares, no concello de Cervantes. Situado na bacía do río Navia, intensamente explotada polos romanos para a extracción de ouro.

Os Castros de Neixón atópanse emprazados nunha pequena península no extremo setentrional da ría de Arousa, na parroquia de Cespón, no concello de Boiro. É unha pequena lingua de terra situada fronte a Rianxo. Saberemos moito máis deles nunha entregada asinada por Víctor Barbeito, director do Museo Arqueolóxico de Neixón.

A fin da viaxe

Xurxo Ayán, arqueólogo implicado na escavacións do castro de San Lourenzo, localizado entre as aldeas de Nogueiras e Alende, na parroquia de Cereixa, concello da Pobra do Brollón, describe este asentamento sobre a marxe dereita do río Saa. O castro é un poboado fortificado vencellado á metalurxia do ferro e cristianizado en época altomedieval cunha necrópole.

Tamén asinan traballos de investigación Miguel Vidal, sobre o castro da cidade, en Ribeira; Ángel Concheiro sobre o castro de Baroña en Porto do Son; Xosé Suárez Otero sobre o castro Facho de Donón en Cangas e, por último, completa as entregas un estudo sobre o castro de Doade, en Lalín, por conta da arqueóloga Vanesa Trevín.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios