Contracultura

Inma López Silva: "Franco morreu na cama e no Goberno galego tivemos moitos anos un ministro franquista"

Inma López Silva, escritora, recolle no seu último libro, 'Quen non ten un avó fascista'? (Galaxia), a historia política da Galiza da segunda metade do século XX a través dun relato entre a memoria familiar e a ficción. Así, López Silva aborda os segredos familiares, os silencios e os mecanismos de supervivencia xa que, como ela di, “o medo realmente marcou as vidas da maior parte da xente, as historias de retagarda son así”.
A escritora Inma López Silva co seu novo libro (Foto: Nós Diario).
photo_camera A escritora Inma López Silva co seu novo libro (Foto: Nós Diario).

De onde parte 'Quen non ten un avó fascista'? 

A memoria histórica é unha das miñas preocupacións, o que ocorre é que as novelas escollen o aspecto máis heroico da guerra e da ditadura. Agora, o que me interesaba máis é o drama que está detrás de todo iso e dos corenta anos de democracia nun país, Galiza, no que non houbo guerra en realidade, senón que o que houbo foi represión. 
Así, é evidente que a maior parte desta vivencia non está vinculada nin coa heroicidade nin cos compromisos republicano ou antifascista, máis ben ao contrario.

Eu xa escribira un artigo cando ao meu avó lle dedicaran unha rúa reflexionando precisamente sobre ese dilema das familias, porque por unha parte te alegras mais por outra tamén pensas que habería que cumprir a Lei de Memoria Histórica. A partir de aí xorde esa gran pregunta: que acontece neste país no que a maior parte da xente tivo que lidar co silencio?

Quizais eses silencios teñan que ver tamén coa culpa do supervivente?

O silencio no libro ten que ver co medo, non tanto coa culpa. Cóntase a historia de alguén que non era precisamente un trotskista, mais desde logo tampouco era un fascista, simplemente era un supervivente. Nun momento dado, por vicisitudes que se contan no propio libro, ten que aceptar unha Alcaldía e todo isto ten lugar nunha casa cun pasado socialista e na que as fotos con membros da falanxe están agochadas. 

Non falamos do silencio culpábel nin tampouco condescendente, senón do silencio supervivente porque nun momento dado erguer a voz é perigoso. O medo realmente marcou as vidas da maior parte da xente, as historias de retagarda son así. O enfrontamento directo é moi fácil visto desde o presente. Neste proceso de recuperación da memoria, primeiro acudimos a esas historias que consideramos máis heroicas, case temerarias, mais que recollen o espírito da lexitimidade democrática. 

Son as historias de todas esas persoas que marcharon cunha dor brutal, mais que foi a salvagarda de quen eramos e de quen queriamos ser. Mais penso que hai un segundo momento neste proceso de recuperación no que temos que preguntármonos que pasou realmente na gran maioría, nesta retagarda de persoas que non estaban implicadas en política. No que eu quero insistir é que corenta anos de ditadura e outros tantos que viñeron despois non se constrúen a través de todas as persoas que teñen claro que serían heroes antifascistas.

 Creo que máis ben ao revés: este foi un país de fascistas, de persoas que apoiaban o fascismo, e iso é algo que nos temos que cuestionar nun momento dado. 

De aí escoller un título tan polémico para a obra? 

O título pretende ser unha interpelación a esta idea. Claro, case ninguén quere recoñecer que a súa familia non fixo a revolución, mais o certo é que en España, Franco morreu de vello na cama e no Goberno galego tivemos durante moitos anos un ministro franquista, nada menos que un censor. 

As historias familiares son precisamente as que nos poden dar conta de como foi realmente unha época, porque a nada que indagues ou que te preguntes o por que de certas cousas acabas atopando respostas que teñen moito máis que ver coa historia política e colectiva do que nun primeiro momento podería parecer.

Outra cousa é todo o que poidamos dicir sobre a educación ou a manipulación dos medios, mais iso foron votos libres e dá a sensación de que aquí hai moitos máis avós fascistas do que parece de boas a primeiras. O título pretende apelar a isto, especialmente nun momento no que temos un fascismo revivido con 52 fascistas no Congeso e cunha extrema dereita con tanto éxito entre a mocidade. 

Comentarios