domingo 19/09/21

Héitor Picallo: "As administracións deberían promover a recuperación dos apelidos"

Héitor Picallo (Cuntis 1974) é persoa ben coñecida para as leitoras e leitores de Nós Diario, pois elaborou para este medio o coleccionábel Galiza nas páxinas de Europa. Agora, desde a próxima terza feira, estará connosco para nos falar da Onomástica nacida da terra.
Héitor Picallo achegará as lectoras e lectores de ‘Nós Diario’ á onomástica a partir do 7 de setembro. (Foto: Nós Diario)
Héitor Picallo achegará as lectoras e lectores de ‘Nós Diario’ á onomástica a partir do 7 de setembro. (Foto: Nós Diario)

-En que consiste este novo coleccionábel?

Consiste en 31 fascículos nos que pretendemos abordar, de xeito divulgativo, varias cuestións vinculadas a algo máis de 200 apelidos, todos eles cunha evidente relación toponímica. Por conseguinte, desde a onomástica (persoal ou dos nosos lugares) intentaremos facilitar etimoloxías, baseándonos nas investigacións de persoas doutas na materia: Gonzalo Navaza, Ana I. Boullón Agrelo, Clara Iglesias, Fernando Cabeza Quiles, Edelmiro Bascuas, Eligio Rivas Quintas, entre outras.

-Son máis de dous centos os apelidos tratados. Como foi o proceso de escolla e con que criterios fixo a selección?

Non resultou moi sinxelo, pois buscabamos apelidos –con relación toponímica– que tivesen no noso país formas deturpadas ou castelanizadas. Ademais, quixemos adobialo con referencias históricas, quer dalgúns lugares citados quer dos antropónimos, na procura de datos curiosos e, ao mesmo tempo, daqueles que dean visibilidade ás mulleres deses tempos, agochadas tantas veces debaixo dun patriarca ou dunha elipse documental. Así as cousas, non pretendemos atopar o documento máis vetusto, senón o máis suxestivo. Noutras ocasións o apelido escollido era aquel que está en vías de desaparición, no que só existen un puñado de individuos –por veces menos de 10– que o usan nese momento, co agravante de que se vai colocado en segundo lugar –habitualmente o apelido materno– ten todas as cartas para esfarelar entre papeis, recordos e manuscritos: a nosa vida, a nosa identidade recollida en arquivos.

-De todos eles, hai algún que lle mereza un comentario especial, pola forma, pola orixe, por algún portador ou portadora?

En todo apelido hai algo interesante agochado que se pode resaltar: o nome dun lugar, a vinculación cun personaxe histórico, unha evolución ilóxica –e incluso intencionada, como é o caso do apelido Arousa–, relacións etimolóxicas entre algúns deles –por exemplo entre Ameixeiras e Ameixenda– etc. Porén, sempre gustei da flexión de xénero que desde o Medievo até a Idade Moderna existía nalgúns apelidos e que hoxe só quedan, de forma residual, na oralidade. Refírome a casos como o antropónimo galego que de ser empregado por unha muller denominaríase galega. Así, nun mesmo matrimonio, existiría unha Constanza Barreira e un Xoán Barreiro, un Xosé Soliño e unha María Soliña...

-O nomenclátor oficial fixa a forma correcta dos topónimos mais, aínda sendo evidente a derivación cara a formas onomásticas, a normalización dos apelidos non avanza ao mesmo ritmo. A que atribúe esa lentitude?

Pois coido que a múltiples factores. O primeiro deles sería a unha falta de publicidade deste feito que afecta na conservación da nosa “xenética onomástica” –acépteseme a licenza–. Por outra banda –e debido a isto último– a sociedade fica inhibida ou non sensibilizada o suficientemente. Basta rabuñar un chisco na cerna da “árbore familiar” para sabermos que antes dun Fuentes houbo un “de la Fuente”, e en tempos máis antigos un “da Fonte”. En conclusión, podemos sinalar que “aos nosos antepasados mudáronlles os nomes da súa proxenie”, e nós –fillos e fillas deles e delas– perdemos ese umbilical lingüístico. Portamos carautas no cando de amosar a nosa verdadeira faciana, apelidáronnos Guimarey para tapárennos o “i” latino. E en tempos de castelanización, máis sobre todo desde o século XIX, todo o que non fose castelán debía parecelo. Velaí a nai do año. 

-A RAG publicou unha relación de apelidos a normalizar mais esa publicación non circulou alén dos limites académicos. Faise a publicidade suficiente sobre as posibilidades de normalización da nosa onomástica?

Para nada. Coido que as administracións e as institucións galegas deberían promover a recuperación –e restitución á forma correcta– dos nosos apelidos.

Ás veces non facer nada é facer moito, os esforzos son ben poucos desde calquera ámbito, polo que debería resultar tan importante investigar como divulgar. Se non se divulga, a sociedade non coñece e por conseguinte non se sensibiliza, e unha sociedade non sensibilizada non reclama o que lle é propio, neste caso a palabra, o idioma, as orixes, a identidade e a súa lexítima onomástica... Que a nosa voz siga a ser a voz dos que nos precederon.

Héitor Picallo: "As administracións deberían promover a recuperación dos apelidos"
comentarios