Gravity, abrindo novas fronteiras no cinema do espazo

Ten razón James Cameron cando di que Gravity é o mellor filme sobre o espazo rodado xamais? O noso crítico das sextas feiras, Andrés Castro, acha que si. Queres saber como o argumenta?

gravity
photo_camera Un fotograma do filme

GRAVITY
Ano: 2013
Duración: 90 min.
País: Estados Unidos
Director: Alfonso Cuarón
Guión: Alfonso Cuarón, Jonás Cuarón
Música: Steven Price
Fotografía: Emmanuel Lubezki
Reparto: Sandra Bullock, George Clooney

SINOPSE
Tres astronautas tratan de reparar un satélite en órbita nunha misión rutineira. Unha choiva de lixo espacial esnaquiza o satélite e a nave deixándoos incomunicados e flotando no espazo completamente sos. A partires de entón van ter que buscar unha solución contra o reloxo para volver á Terra.

CRÍTICA
Segundo verbas de James Cameron, estamos ante a mellor película do espazo que xamais se fixo. Algo así pode crear moi altas expectativas, pero a película non defrauda en absoluto e realmente estamos ante a mellor película do espazo que se fixo até a data. Un inicio espectacular cunha escena do globo terráqueo aos nosos pés mentres uns astronautas dan un paseo espacial nun pausado travelling frontal. Iso xa nos deixa alucinando e case parece incrible que podamos ver algo mellor. Pero lonxe diso agárdanos un crescendo de secuencias polo espazo exterior que nos van deixar coa boca aberta. Desde o principio asistimos a movementos de cámara imposibles que nos transportan a todas as direccións posibles. Desde estar flotando no espazo, a estar na propia pel do astronauta ou mesmo unha estraña sensación de vertixe por momentos. E cando xa parece que non nos pode sorprender máis, métenos dentro dunha nave e, se aínda non o fixéramos, decatámonos que estamos asistindo a algo que se nos antolla moi barato para o prezo dunha entrada. Cánto tempo sen que pase isto. É o máis parecido que vamos a estar, a maioría dos mortais, de ir ao espazo. E por menos de 10 euros! Xenial.

Realmente estamos ante a mellor película do espazo que se fixo até a data

Sendo un pouco tiquismiquis, a película ten un par de momentos dramáticos prescindibles, algunha licenza gravitatoria discutible e unhas fanfarras orquestrais bastante innecesarias. Pero iso son nimiedades. Despois de asistir a este espectáculo dos sentidos non me sinto digno de poñer pega algunha a un director capaz de facer algo de tal calibre. Apoiando o proxecto os seus colegas Benicio del Toro e Alejandro González Iñárritu, e tamén con agradecementos a James Cameron e David Fincher. Todo un luxo. Para os protagonistas baralláronse inicialmente nomes coma Marion Cotillard, Scarlett Johansson, Angelina Jolie ou Natalie Portman para o papel feminino, e o masculino ía ser interpretado por Robert Downey Jr. Ao final os papeis recaeron en George Clooney e Sandra Bullock. Aínda que ben poderían ser calquera. En “Gravity” as interpretacións son o de menos. A Bullock fixéronlle un gran regalo con este papel. Aquí incluso parece boa actriz. Iso si, ten escenas que se lle nota que trata de lucirse e outros que se asemella á tenente Ripley, e iso non lle fai xustiza ao filme e renxe un pouco. Clooney está na súa liña. Incluso colaborou nos diálogos do guión feito a catro mans polo propio director e o seu fillo Jonás. Na música o británico Steven Price, con ampla experiencia coma editor musical pero con pouca de compositor. Bo score pero sobran as fanfarras para recalcar os momentos de tensión. Na fotografía o compatriota, e habitual de Cuarón, Emmanuel Lubezki que, coma sempre, fai unha composición da imaxe sensacional.

Película destinada a acaparar todos os premios técnicos alá onde se presente. Pero “Gravity” non só é detalles técnicos e visuais. Hai unha cabeza pensante detrás do proxecto que tivo que saber levar a maquinaria a bo porto. Un enorme traballo de coordinación milimétrico e extremadamente puntilloso só ao alcance duns poucos. Desde xa considero a Alfonso Cuarón na mesma liga que Kubrick e Nolan. Son os únicos que se me ocorren que poderían facer algo coma "Gravity". Creo que non esaxero coa comparación. A historia funciona por si soa, pero para gozala plenamente hai que vela en 3D. Aínda hai salas que a proxectan. Se eu fora vos non me perdería a ocasión de asistir a unha nova experiencia cinematográfica que vai marcar un antes e un despois nas películas de ciencia-ficción.

Comentarios