A relación entre a Galiza e a lusofonía debaterase en Braga

A clausura contará cunha reedición da gala aRi[t]mar 2023, que desembarca por vez primeira en territorio luso o sábado 20 ás 21.30 h no Espaço Vita de Braga

Fillas de Cassandra na gala aRi[t]mar 2023.
photo_camera Fillas de Cassandra na gala aRi[t]mar 2023.

Esta cuarta feira, 17 de abril, tivo lugar na cidade portuguesa de Braga, a apertura oficial do XIV Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). O obxectivo deste encontro, que se desenvolverá na Universidade do Minho até o sábado 20, é crear un espazo para a reflexión sobre a relación entre a Galiza e os estudos galegos e a denominada lusofonía, que abrangue o conxunto de países que teñen como lingua oficial o portugués.

Baixo o título Horizontes dos Estudos Galegos e /na Lusofonía, esta nova edición do congreso da AIEG parte do tradicional vínculo entre a Galiza e os países lusófonos para promover o debate, a crítica e novas propostas sobre as relacións no espazo cultural, académico e institucional.

As xornadas de debate desenvolveranse a través de relatorios, paneis, mesas e sesións plenarias nas que participarán especialistas das tres universidades galegas, pero tamén do ámbito internacional, que discutirán sobre os campos lingüístico, literario, histórico, económico, antropolóxico, filosófico, sociolóxico e artístico.

No marco do congreso tamén terán cabida as actividades culturais, como excursións ou exposicións, especialmente dirixidas á mocidade investigadora; ou a presentación de produtos académicos e proxectos.

aRi[t]mar en Portugal

Os catro días de congreso terán o seu remate coa reedición da gala aRi[t]mar 2023, que chegará por primeira vez a territorio luso este sábado 20 ás 21.30 horas no Espaço Vita de Braga. No evento, que celebra cada ano o mellor da música e da poesía galega e portuguesa, volverán soar as cancións gañadoras da edición do pasado ano -o "Lisístrata" de Fillas de Cassandra- e o "Maçãzinha", de Retimbrar en colaboración con Uxía Senlle- e os poemas máis votados -Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados, da ourensá Arancha Nogueira e Se de repente perto fosse um verbo, da barcelense Maria Isabel Fidalgo.

Comentarios