A RAG celebrará o pleno extraordinario das letras galegas na Coruña

As alocucións sobre a vida e a obra da homenaxeada correrán a cargo das académicas Ana Romaní e Margarita Ledo e do académico Euloxio R. Ruibal.
 
Luísa Villalta (Foto: Xosé Abad).
photo_camera Luísa Villalta (Foto: Xosé Abad).

A Real Academia Galega celebrará o vindeiro  17 de maio o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que lle dedica á escritora Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004). A sesión pública terá lugar no Teatro Rosalía da cidade onde naceu e viviu, a Cidade Alta  d Coruña que tanta pegada deixou na súa obra poética e noutros títulos como a novela Teoría de xogos (1997). As alocucións sobre a vida e a obra da homenaxeada correrán a cargo das académicas Ana Romaní e Margarita Ledo e do académico Euloxio R. Ruibal.

Na sección das Letras Galegas 2024 de academia.gal pode verse xa a serie documental web Luísa Villalta: a rebelión da palabra (unha produción da RAG dirixida por Damián Varela Pastrana); acceder á biografía sobre a autora asinada por Ana Romaní ou descargar as Palabras de Luísa Villalta, con citas das súas obras que a institución está a difundir a través das redes sociais.

 

Primavera das letras

Para o público máis novo, a RAG ofrece primaveradasletras.gal, onde pode descargarse o conto Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta. Xoán Babarro e Ana María Fernández son os autores desta historia na que achegan de maneira lúdica a xente miúda á escritora.

Canda estas dúas figuras de referencia da literatura infantoxuvenil do país, púxolle imaxes á historia o Premio Nacional de Ilustración Óscar Villán. Na mesma páxina, coordinada pola académica Fina Casalderrey, atópanse actividades interactivas arredor do universo vital e literario de Villalta

Xa no último cuadrimestre do ano, a RAG celebrará o Simposio Luísa Villalta, no que reunirá distintas voces especialistas que achegarán novas contribucións arredor da súa figura e do seu legado literario.

Comentarios