Pontevedra rende homenaxe á escritora Fina Casalderrey

Unha exposición percorre a vida e obra da autora
Casalderrey e o alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, na inauguración da exposición.
photo_camera Casalderrey e o alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, na inauguración da exposición.

O Concello de Pontevedra acolleu esta quinta feira, 18 de abril, unha homenaxe á escritora Fina Casalderrey, autora de títulos entre a mocidade lectora como O misterio dos fillos de Lúa, O estanque dos parrulos pobres ou Lúas de nácara. A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix) foi a encargada de elaborar unha exposición sobre a autora, que se inaugurou na Praza da Ferraría nun acto no que estivo presente a escritora.

A mostra, con textos da poeta María Lado e ilustracións de Nove Noel, leva por título Fina Casalderrey: medrando entre historias, e está composta por 20 paneis que narran o seu percurso vital e literario. Son as propias palabras de Casalderrey as que serven de fío condutor da exposición, ao destacar declaracións e anécdotas que ofreceu en diferentes ocasións e medios ao longo da súa carreira.

Desta maneira, retrátase unha autora referente da literatura galega contemporánea que, xunto con outras compañeiras e compañeiros de xeración, asentou as bases da literatura infantil e xuvenil en galego.

 

Casalderrey, que formou parte da directiva de Gálix, é a primeira autora en estar nomeada simultaneamente aos dous premios máis prestixiosos da Literatura Infantil e Xuvenil a nivel internacional: o Premio Hans Christian Andersen, outorgado polo IBBY (a Organización Internacional para o Libro Xuvenil), e o Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) outorgado anualmente polo goberno sueco como homenaxe á creadora de Pippi Mediaslongas.

A mostra, que poderá visitarse até o día 18 de maio, tamén presta atención ao seu traballo noutros xéneros e, especialmente, ao seu labor como mestra, oficio ao que dedicou 40 anos da súa vida e que ela mesma recoñece que estivo intimamente ligado aos seus inicios na escrita.

Desde Gálix consideran esta homenaxe "un recoñecemento merecido que contribuirá a achegar á cidadanía a palabra e figura de Fina Casalderrey" e agradecen a iniciativa do Concello de Pontevedra.

Comentarios