Abel Tomé gaña o Premio García Barros de Novela con 'A noite do oso'

A novela fecha unha triloxía que comezou en 2018 coa súa primeira novela, A noite do corvo.
Abel Tomé. (foto: Editorial Galaxia)
photo_camera Abel Tomé. (Foto: Editorial Galaxia)

O xornalista e escritor Abel Tomé (Outes, 1984) vén de facerse co XXXVI Premio García Barros de Novela -convocado polo Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia- coa obra titulada A noite do oso.

O xurado -formado por Carlos Loureiro, como secretario do xurado; Noelia Gómez Calvo, xornalista e poeta; Armando Requeixo, crítico literario; Rosalía Morlán, escritora; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia- destacou nesta novela a súa "capacidade para fusionar realidade e lenda nunha narración que avanza no territorio avolto dos segredos familiares ao longo da historia de todo un século".

"Escrita con innegábel oficio", continúa a acta do xurado, "esta novela ganduxa as fías do relato persoal e o comunal, estabelecendo un diálogo feraz coa figura de Sylvia Plath, que presta a esta narración simbolismo e poder evocativo".

 

O gañador do premio obtén os 9.000 euros en metálico cos que está dotado o premio, ademais de ver a novela gañadora publicada pola Editorial Galaxia.

Abel Tomé é graduado en xornalismo. Como estudante, gañou xunto con outros compañeiros o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro 2013. Tamén foi gañador do primeiro premio Revista A Pipa 2015, na modalidade de poesía. Na actualidade compaxina o seu traballo en comunicación co deseño cun máster en Dereitos Humanos.

Con A noite do oso, Tomé fecha unha triloxía que comezou en 2018 con A noite do corvo, a súa primeira novela, e que continuou ao ano seguinte con A noite do lobo, coa que obtivo o Premio Illa Nova de Narrativa.

 

Comentarios