Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, unha polifonía de emocións

As Tanxugueiras ou Caamaño & Ameixeiras, entre outras moitas, visítano con regularidade para enriquecer os seus repertorios e indagar na tradición. O Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade custodia algunhas das mellores coleccións de rexistros orais da Galiza.
 
A profesora Concha Losada Vázquez leva anos colaborando coa institución (Foto: Arxina).
photo_camera A profesora Concha Losada Vázquez leva anos colaborando coa institución (Foto: Arxina).

Un arquivo que recollese e presentase de forma sistemática testemuños do patrimonio oral galego, debidamente ordenados e clasificados cuns criterios técnicos que permitan o acceso a investigadores, mestres, xestores, creadores e promotores culturais e a todo tipo e condición de usuarios. Velaí o que o Museo do Pobo Galego tiña en mente cando, en abril de 2007, puxo a andar o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI).

Estes días, case 20 anos despois da súa inauguración, o APOI está organizando unhas visitas guiadas para que a acidadanía coñeza o seu contido e a súa dinámica de traballo. Concha Losada, coordinadora do Arquivo desde o seu nacemento, recibe as persoas visitantes na chamada ala sur do museo, antes de iniciar unha charla que resume a historia do seu nacemento e explica o funcionamento do arquivo dixital, a ferramenta que permite que calquera usuario poida acceder aos contidos do APOI, nun exercicio de democracia que, insiste Losada, constitúe un dos principios fundacionais da institución. 

 

Cultura democrática

Enterámonos así de que o APOI naceu cando os antigos membros de Fuxan os Ventos e A Quenlla, Baldomero Iglesias (Mero) e Xosé Luís Rivas (Mini) cederon o seu arquivo persoal -froito de anos de recolla de cántigas, contos, refráns, oracións e todo tipo de manifestacións orais nacidas da tradición- ao Museo do Pobo Galego, facendo explícita a súa vontade de que as gravacións fosen de libre acceso, para que "volvan ao pobo do que saíron, tal como a xente do pobo llas fixo chegar a eles".

"Nun primeiro momento pensouse en gravar un disco", relata Losada, "pero axiña nos decatamos de que a forma máis acaída de difundir aquel patrimonio era poñelo a disposición de calquera que quixese coñecelo". Foi o inicio dun longo proceso que continúa aínda agora: recolla de arquivos, dixitalización, catalogación, posta a disposición do público...

Cada peza do arquivo está rigorosamente clasificada e acompañada dunha ficha que documenta quen foi o autor da gravación, cando e onde a realizou, quen é o informante, que idade ten, quen realizou a dixitalización... así como dunha transcrición e, no caso de que se trate dun rexistro musical, da partitura correspondente.

Así, cando unha persoa consulta a base de datos en museodopobo.gal/gl/apoi, non só ten un recurso á súa disposición, senón tamén toda a información relativa á súa recollida.

Un traballo que se realiza a base de voluntariado e cunha pequena axuda da Asociación PuntoGal -unha entidade independente que xestiona o dominio .gal, colabora con diferentes organismos e promove a presenza do galego na rede- que permite ter unha especialista contratada a media xornada. Non está de máis lembrar que o Museo do Pobo Galego é unha entidade privada sen ánimo de lucro e que todos os seus ingresos proceden das cotas das persoas socias, dos membros do Padroado e das achegas de entidades públicas e privadas.

 

Non só música

Como era previsible, o xénero máis representado no APOI é a música, froito das moitas recollidas levadas a cabo por músicos e asociacións. Mais tamén teñen presenza outras moitas manifestacións orais que permiten comprobar como un pobo é quen de salvagardar o seu patrimonio a través dos séculos: Losada pon como exemplo o romance de Xan Guindán, recollido en diversas versións en lugares moi afastados entre si, "sen que existan variacións significativas entre unhas versións e outras".

Outro xénero cada vez menos frecuente é o das oracións: Baldomero Iglesias "Mero" logrou reunir unha extensa colección destas mostras de relixiosidade popular cando un sacerdote -na época en que se comezaba a reivindicar o galego como lingua da liturxia- afirmou que na Galiza nunca se rezara en galego e retouno a atopar algunha oración en galego: Mero recolleu centos, unha escolma das cales publicará proximamente.

Testemuñas que falan do horror da represión da ditadura, lendas, contos, trabalinguas, saberes relacionados cos oficios, coa actividade mariñeira ou coas artes de pesca... o APOI revélase como un repositorio imprescindíbel para internarse na inmensa riqueza da cultura popular da Galiza.

Mais Concha Losada advirte de que existen aínda moitos arquivos "que están en mans de particulares ou de asociacións que corren o risco de perderse pola fraxilidade dos soportes magnéticos nos que foron rexistrados", e fai un chamamento para que se cedan ao APOI.

"Nós estamos dispostas a facernos cargo dos gastos de dixitalización e, desde logo, a compartir eses arquivos. Non é a nosa pretensión ter a exclusividade sobre ningún dos rexistros que gardamos. O noso único obxectivo é saber que están ben custodiados e asegurar que están a disposición das persoas que o precisen, da cidadanía", subliña. 

E se hai algunha dúbida sobre a utilidade do arquivo, máis alá do mundo dos especialistas, Losada despéxaaa presumindo de que, nunha ocasión, as compoñentes das Tanxugueiras, responderon á pregunta de se recollían persoalmente as cántigas que logo adaptaban sinalando que "estaban todas no APOI".

As Tanxugueiras son só unha mostra das moitas artistas que, para enriquecer os seus repertorios, consultan os fondos dun arquivo que, desa forma, continúa revitalizando unha tradición sempre en movemento. 

 

Cancioneiros, catálogos tipolóxicos do conto e cultura galega dos xitanos

Quizais o elemento que ocupa o lugar de honra no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade é o legado de Dorothé Schubart, que doou ao Museo do Pobo todo o seu material referido á Galiza. A musicóloga suíza -coa que Concha Losada chegou a cultivar unha estreita amizade- achegouse á Galiza atraída pola riqueza da súa música de tradición oral e acabou quedando aquí cinco anos. Percorreu oitenta e dous concellos galegos e trece máis situados na zonas galegofalantes limítrofes recompilando material, un traballo monumental no que contou coa axuda de Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Galega en Santiago de Compostela.

"Existen moitos arquivos dentro do APOI, pero algúns posúen un simbolismo especial. O de Dorothé Schubart, desde logo, é un dos máis queridos polo significado especial que tivo o seu traballo, pero existen outros cunha carga emocional moi potente. O de Mini e Mero, por exemplo, que foron a semente do propio arquivo; ou a colección do antropólogo dinamarqués Gustav Henningsen, que foi o primeiro en entrevistar e indagar no folclore dos xitanos galegos, que foran obviados por outros estudosos, e demostrou que falaban galego e mesturaban trazos da cultura do país coa cultura caló. Ou tamén a colección de contos tradicionais recompilada pola profesora da Universidade de Vigo Camiño Noia, que permitiu que a narrativa popular galega contase cun Catálogo tipolóxico do conto tradicional que sirva de referencia internacional para investigadores da tradición oral europea".    

 

Comentarios