Quen é quen no Goberno alternativo liderado por Ana Pontón?

A fórmula de Goberno alternativo está inspirada nos gabinetes á sombra da tradición parlamentaria británica.
Grupo parlamentario do BNG. (Foto: Arxina)
photo_camera Grupo parlamentario do BNG. (Foto: Arxina)

A líder do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, presentou esta cuarta feira un "Goberno alternativo" para fiscalizar á Xuntada Galiza, lanzar propostas para os problemas da Galiza e propor acordos de país.

A portavoz dos nacionalistas galegos escolleu un hotel compostelán para dar a coñecer esta medida que, segundo indicou, trata de ser unha fórmula inspirada nos gabinetes á sombra da tradición parlamentaria británica despois de que a cidadanía situase o pasado 18 de febreiro ao BNG como "alternativa" fronte ao PP.

Pontón destacou que nace cunha clara vocación de "construír a favor da Galiza" e terá como obxectivos facer un "rigoroso labor de control do Goberno". Para iso, cada Consellaría terá a unha voceira que lle fará un "exhaustivo seguimento". "Unha marcaxe estrita por parte dos responsábeis de área deste Goberno alternativo", dixo.

O segundo obxectivo, conforme apuntou, pasa por explicar as propostas que adoptaría un Goberno do BNG para resolver os problemas dos galegos e das galegas. "Ante cada crítica, achegaremos unha solución", dixo Pontón, que situou como terceiro fin "promover grandes acordos de país en cuestións estratéxicas e contribuír a darlle peso político á Galiza no Estado".

Neste sentido, volveu a ofrecer ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, un gran pacto de país en asuntos estratéxicos como a sanidade, o acceso á vivenda, o modelo enerxético e a rexeneración democrática.

"Un gran pacto para estes catro asuntos estratéxicos e man tendida para darlle á Galiza máis peso político, para negociar as competencias pendentes e para que haxa unha redución da débeda garantindo un trato igualitario, así como para conseguir un financiamento xusto", dixo.

"Rigoroso labor de control, propor alternativas para dar solución aos problemas do país e man tendida para colaborar a favor da Galiza. Esta é a folla de ruta coa que imos traballar desde o Grupo Parlamentario do BNG que conforma este Goberno alternativo que teño a responsabilidade de encabezar como xefa da oposición", sostivo.

Un Goberno con 12 portavoces

Na súa intervención e acompañada por todos os integrantes do grupo, Pontón dixo que este Goberno contará con "12 portavoces responsábeis", coincidindo con cada unha das áreas nas que está repartido o Executivo galego.

Así, Iago Tabarés será o portavoz de Presidencia, Xustiza e Deporte; Luís Bará encargarase das áreas de Medio Ambiente e Cambio Climático; Cristina Fernández Davila levará a área de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional; Olalla Rodil será a voceira de Política Social e Igualdade; Brais Ruanova encargarase de Economía e Industria, e Noa Presas será a portavoz de Facenda e Administración Pública.

Ademais, Alexandra Fernández encargarase da área de Vivenda e Infraestruturas; Montse Prado será a voceira de Sanidade; Mercedes Queixas levará Cultura, Lingua e Xuventude; e Ramón Fernández será o portavoz de Emprego, Comercio e Emigración. Ademais, Secundino Fernández levará Medio Rural e Rosana Pérez Mar.

"Elas e eles serán os portavoces e responsábeis de cada área deste Goberno alternativo que, por suposto, contará coa participación e a implicación do conxunto dos deputados e deputadas a través de secretarías técnicas adscritas a cada área", dixo.

Así, Oscar Ínsua será secretario de Administración Local; Daniel Castro, de Axenda Dixital, de Universidade e de Lingua; Iago Suárez, de Deportes e de Xuventude; Iria Taibo, de Relacións Exteriores e Lusofonía e de Lingua; Montserrat Valcárcel, de Ciclo da Auga e de Monte e Industrias Forestais; Olalla Rodil, de Ciencia; Noa Presas, de Feminismo e Igualdade; Ariadna Fernández, de Infancia e Familia, e de Industrias Agroalimentarias; Iria Carreira, de Dereitos LGTBI e de Sanidade Hospitalaria e Investigación Universitaria; Daniel Pérez, de Economía Social e turismo; Xosé Manuel Golpe, de Enerxía; Paulo Ríos 'Kai', de Mobilidade, Transporte e Loxística; Luís Bará, de Infraestruturas; Carmela González, de Comercio, Artesanía e Consumo; Sonia Vidal, de Agricultura e Gandaría.

Reunións cada 15 días

Pontón explicou que manterán reunións cada 15 días para fiscalizar o labor da Xunta e impulsar as propostas alternativas en cada un dos temas clave que teñan relevancia. Ademais, percorrerá o país para manter encontros de traballo con todos os axentes económicos, sociais, científicos, académicos, culturais, sindicais, empresariais ou veciñais.

"Queremos escoitar, dialogar, intercambiar propostas e valoracións co conxunto da sociedade galega para explicar cal é a nosa alternativa de Goberno tendo en conta que estamos nun momento de grandes retos", dixo.

Pontón sostivo que se trata de facer "política con luces longas" desde o debate de ideas e traballando en positivo "por e para os galegos e galegas". "Para mellorar as súas vidas e para pór en marcha unha Galiza con máis oportunidades, capaz de afrontar os desafíos", apuntou nunha intervención na que asegurou ser consciente da "responsabilidade" dada polas urnas.

"Desde esa responsabilidade como forza líder da oposición imos traballar desde o primeiro minuto para dar á Galiza unha alternativa de presente e de futuro", indicou a líder da formación nacionalista.

Transparencia sobre as contratacións da Covid

Por outra parte, preguntada respecto diso, a voceira nacional do BNG volveu soster que existen "serias" dúbidas sobre como se fixeron as contratacións de material sanitario durante a pandemia da Covid e exixiu transparencia.

Pontón lembrou que unha das iniciativas que a súa formación defenderá no primeiro pleno ordinario da lexislatura será a posta en marcha dunha auditoría. "Eu espero que o PP estea a favor da transparencia e que non vote en contra, porque creo que os que teñen que ocultar algo son os únicos que temen a transparencia", concluíu.

Comentarios