Choque de mans entre Celta e Giráldez: o porriñés dirixirá o club a próxima tempada

O ex técnico do Fortuna non ocultou o seu convencemento de que "todo vai ir moi ben".
A presidenta celeste, Marián Mouriño, con Claudio Giráldez no alto da sede celeste na rúa Príncipe. (Foto: RC Celta).
photo_camera A presidenta celeste, Marián Mouriño, con Claudio Giráldez no alto da sede celeste na rúa Príncipe. (Foto: RC Celta).

O Celta aposta por Giráldez. O conxunto celeste fixo boas as declaracións realizadas na terza feira polo seu director de fútbol, Marco Garcés, sinalando que o actual adestrador do primeiro equipo tiña enriba da mesa unha proposta para estender a vinculación que unía a ambas as partes alén do 30 de xuño de 2024, data na que remataba o seu anterior contrato.

Agora, logo de asinar a oferta de renovación, o ex preparador do filial será o titular do banco olívico, polo menos, até o verán de 2025, pois, tal e como confesou Garcés, o seu "sistema de traballo" implica sempre ofrecer contratos curtos.

Esta é unha medida que pode ser considerada como sensata, tendo en conta a recente e desastrosa experiencia vivida con Rafa Benítez, quen só completou oito dos 36 meses que tiña de contrato antes do seu despedimento en marzo pasado. Ademais, iso foi a orixe dunha batalla legal, pois o Celta non quere incluír no finiquito que debe pagarlle as cantidades correspondentes ao salario do seu terceiro ano de contrato, algo que esixe o madrileño -quen desde Brasil apuntan que podería facerse cargo do São Paulo-, con quen non chegou a un acordo durante a súa recente reunión no marco do Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

"Alegría e felicidade"

Horas despois da oficialización da noticia, o propio Marco Garcés conduciu unha rolda de prensa na que estivo acompañado por Claudio Giráldez e o conselleiro Sergio Álvarez.

Este non puido ocultar a súa "alegría" pola continuidade "dun home da casa", salientando a súa progresión desde que na tempada 2021/22 aceptase a responsabilidade de dirixir o xuvenil 'A' -co que logrou o campionato na División de Honra- antes de asumir as rendas do Fortuna na 2022/23, co que xogou o play-off de ascenso a Segunda División. 

Do mesmo modo, o director de fútbol da escuadra viguesa manifestou a súa "felicidade" pola sinatura do acordo "cunha persoa que coñece a canteira e os valores do club", antes de ceder a palabra ao protagonista da xornada, Giráldez, que afirmou vivir esta quinta feira "un dos mellores días" da súa vida.

Após lembrar as súas orixes celtistas, prometeu "responder con traballo e compromiso" á confianza depositada nel, e non ocultou o sen convencemento de que "todo vai ir moi ben", polo que cualificou de "boa" esta extensión de contrato tanto para el como para o Celta.

"Quero estar aquí todo o tempo que poida, mentres sexa útil e poida achegar ao club", concluíu, non sen botar balóns fóra cando se lle preguntou pola meta da vindeira tempada no caso de lograr a permanencia en Primeira. 

Comentarios