CONTRACULTURA

Caterina Varela, directora das Residencias Paraíso: "Os proxectos das Residencias Paraíso veñen das artes vivas, superando a cuestión disciplinar"

A especialista en danza e artes vivas Caterina Varela fundou o colectivo RPM
A directora das Residencias Paraíso, Caterina Varela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A directora das Residencias Paraíso, Caterina Varela. (Foto: Nós Diario)

Caterina Varela (A Coruña, 1983) é a directora das Residencias Paraíso, que impulsa o colectivo RPM e onde investigarán e crearán nove artistas que veñen de ser escollidas de entre máis de 200 candidaturas. O proxecto conta co financiamento da Axencia Galega das Industrias Culturais, a Fundación Cidade da Cultura da Galiza e os Concellos de Lugo, Pontevedra, Vimianzo, Carballo e Ribadavia.

Cal é a valoración que fan dos proxectos presentados?

Sempre nos queda a mágoa de que se presentan máis proxectos interesantes dos que temos a capacidade de acompañar e si que nos gustaría que existiran máis recursos para poder darlles cabida. Sentímonos responsábeis do 'non' que temos que darlle a tanta xente. Este ano presentáronse 213 candidaturas, e só temos espazo para nove. A valoración dos proxectos é a de sempre. 

Atopámonos con sorpresas porque hai artistas que non coñeciamos e que grazas a esta convocatoria xa pasan a estar no noso radar. Hai unha presenza bastante repartida entre artistas da Galiza, do Estado español e de Portugal, que é a quen están dirixidas as residencias. Sempre o dicimos, mais o proceso da comisión, sen ser nada doado, endentémolo como un dos máis bonitos porque é cando nos achegamos a esta escena artística, cando coñecemos en profundidade. De feito, na selección final hai nomes que non coñeciamos. 

Hai algún patrón común entre os proxectos seleccionados?

O certo é que non. Sempre tentamos que os nove proxectos teñan un equilibrio e que non vaian só cara a un formato concreto ou que non traten a mesma temática de fondo. O que si que comparten todos eles é que son artistas que veñen das artes vivas, entendidas dunha maneira moi transdisciplinar. Aínda que nós saímos da danza, hai moitos nomes que non son nomeadamente bailaríns ou coreógrafos. Nas artes vivas estamos superando a cuestión disciplinar. 

Por outra parte, tamén son artistas periféricas, no sentido de que non utilizan as linguaxes máis convencionais. Aínda así, son propostas moi diferentes porque cada artista leva esta base común a cousas moi diferentes. É certo que este ano quedou un programa bastante queer. Sempre o é, porque para nós é inevitábel, mais este ano parece que aínda máis e incluso chegamos a atopar certos paralelismos entre algúns dos proxectos. 

Está a industria a superar esa cuestión disciplinar?

Cústanos utilizar o termo 'industria', porque aínda que entendemos que desde hai tempo vénse falando das industrias culturais, cremos que é unha palabra que nos afasta do que proxectos como este precisan e significan

Non é que non nos entendamos nun sector produtivo, nas lóxicas mercantís, porque o somos e significamos tamén unha parte do produto interior bruto. É entender que a investigación e a non xeración dun produto final, entendido dentro do mercado da arte como a obra, tamén é algo preciso. 

Respondendo á pregunta, creo que estamos nun momento de saber convivir entre a defensa da disciplina máis pura e esa

transversalidade. A bandeira da danza ondeámola con moito orgullo, mais creo que hoxe en día ten sentido ondeala entendéndoa porosa. 
A danza convive con outras realidades disciplinares. Non se trata de deixar de lado a performance, o teatro ou a experimentación sonora, senón de entender que estamos moito máis xuntas do que a disciplina nos ofrece. 

É unha forma de elevar a disciplina ao buscar un diálogo, e iso é algo que forma parte das artes vivas contemporáneas. Posibelmente o que non sexa tan orgánico hoxe en día sexa falar dunha disciplina illada, sen relacionala coas outras. 

Comentarios